PRESENTACIÓN EN LUGO DE "REALIDADES E HORIZONTES DA EDUCACIÓN EN GALICIA"

O Centro Sociocultural O Vello Cárcere de Lugo (praza da Constitución, s /n) acolle o mércores 2 de abril a presentación de «Realidades e horizontes da educación en Galicia», un novo volume da Biblioteca de Pedagoxía de KALANDRAKA. O encontro, organizado polo movemento de renovación pedagóxica Nova Escola Galega, conta tamén coa colaboración da área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, a Revista Galega de Educación e a libraría Trama.
O encontro, a partir das 18:30 horas con entrada aberta ao público, conta coa concelleira de Educación, Iria Buíde, e con Santiago Quiroga en representación de Nova Escola Galega. Tamén participan o catedrático Jesús Rodríguez, un dos coordinadores da obra, e o tamén catedrático Antón Costa Rico, coordinador da colección e figura homenaxeada neste libro de autoría colectiva.
Esta presentación tamén está protagonizada polo novo número da Revista Galega de Educación, un monográfico titulado «Comunidade e participación das infancias» que pon o foco na importancia da participación infantil como un dereito fundamental e unha ferramenta chave para o desenvolvemento cidadán e a transformación social. A codirectora da revista, Ana Parada, e a coautora dos contidos, María Barba, debullarán os artigos que ofrece a publicación.
Tralos encontros nas facultades de Ciencias da Educación de Santiago e Pontevedra, «Realidades e horizontes da educación en Galicia» chega a Lugo para seguir compartindo coa comunidade educativa o proceso desta obra coordinada polos profesores José Antonio Caride e Jesús Rodríguez, e publicada en colaboración co grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-Interea) da Universidade de Santiago de Compostela.
Ao longo de 21 artigos, profesoras e profesores das tres universidades galegas e dos distintos niveis educativos, xunto con técnicos do ámbito educativo, abordan cuestións e reflexións trazadas a partir dalgúns apuntes históricos, procurando afrontar problemas socio-educativos e escenarios de formación que lle afectan á cidadanía. Unha mirada reflexiva coa que se pretende contribuír a consolidar un espazo público deliberativo para un mellor desenvolvemento educativo.
O propio Antón Costa asina o epílogo, titulado «A nosa educación: o escenario, estudos, programas e retos», no que avoga por procurar os instrumentos que axuden a avanzar no horizonte da “nova educación galega”.