PRESENTACIÓN EN COMPOSTELA DE "REALIDADES E HORIZONTES DA EDUCACIÓN EN GALICIA"

A Facultade de Ciencias da Educación (Campus Vida) da Universidade de Santiago acolle o xoves 12 de decembro a presentación de «Realidades e horizontes da educación en Galicia», un novo volume da Biblioteca de Pedagoxía de KALANDRAKA. O encontro, a partir das 18:00 horas, terá lugar na Sala de Xuntas, coa participación da decana, Mar Lorenzo, os coordinadores da obra, os catedráticos José Antonio Caride e Jesús Rodríguez, e o tamén catedrático Antón Costa Rico, coordinador desta colección e figura homenaxeada coa publicación deste libro de autoría colectiva.
Trátase dunha mirada panorámica, crítica e comprometida que, desde a pluralidade académica, trata cuestións fundamentais do desenvolvemento educativo en Galicia, abordadas con certa profundidade por especialistas na materia. Cuestións e reflexións trazadas a partir dalgúns apuntes históricos, procurando afrontar problemas socio-educativos e escenarios de formación que lle afectan a toda a cidadanía, sexa como parte das comunidades educativas, como investigadores e técnicos no eido pedagóxico ou como parte da sociedade galega. Con esta mirada reflexiva preténdese contribuír a consolidar un espazo público deliberativo para un mellor desenvolvemento educativo.
Tralo limiar dos coordinadores, a obra reúne as achegas de 56 profesoras e profesores das tres universidades galegas e dos distintos niveis educativos, xunto con técnicos do ámbito educativo. Estrutúrase en tres partes que agrupan sete textos cada unha:
«Pasado e presente da nosa educación» ten carácter histórico, referíndose aos procesos pasados da escolarización, a fin do franquismo e da Transición, a lexislación educativa, as comunidades escolares, unha reflexión sobre o ensino e o mundo rural, a importancia da literartura infantil e xuvenil, e a problemática da galeguización do sistema educativo.
«Novos retos e desafíos» analiza os problemas cotiás dos procesos educativos ante o reto de vivir e educarse democráticamente, como xa hai máis de cen anos planteaba o filósofo John Dewey. Tamén se aborda a inclusión educativa, a formación do profesorado, a Educación Social, a intervención da Administración local, ademais de expoñer -a partir da sociedade-rede sobre a que reflexionara de modo pioneiro Manuel Castells- as debilidades do sistema en relación á dixitalización e á Intelixencia Artificial.
Poñendo o foco sobres cuestións que gozan de menor atención sociolóxica e política, «Sen fronteiras para a educación» expón temas como a educación integral que xa debatiron pioneiros como Xohán Vicente Viqueira a principios do século XX, mais tamén a cultura da paz, a educación interxeracional e a importancia da natureza na formación humana.
Esta obra, publicada en colaboración co grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-Interea) da Universidade de Santiago de Compostela, réndelle unha homenaxe á traxectoria do profesor Antón Costa Rico, Catedrático de Historia da Educación na USC. Durante máis de catro décadas asumiu tarefas como docente, investigador, impulsor e organizador, tamén no plano institucional, nun continuo servizo á causa do desenvolvemento educativo, cun maxisterio extendido sobre varios ámbitos. Seu é o epílogo titulado «A nosa educación: o escenario, estudos, programas e retos» no que aboga por procurar os instrumentos que axuden a avanzar o horizonte da nova educación galega.