PRESENTACIÓN DE "PAPAGAIO" EN CARNOTA
«Papagaio», unha das obras máis auténticas, críticas e con maior compromiso feminista de Luísa Villalta, volveu ás librarías da man de KALANDRAKA nunha edición renovada na que os versos da autora homenaxeada no Día das Letras Galegas acompañan as fotografías de Maribel Longueira, unha recoñecida artista plástica vencellada á Costa da Morte. O local da Asociación Cultural Canle, na Lonxa Vella de Lira, acolle a presentación deste libro o mércores 14 de agosto ás 20:00 horas; un encontro que tamén conta coa colaboración da libraría Chorima de Carnota e no que tomarán a palabra a libreira Jessica Martínez Maceiras, o escritor Francisco Xosé Fernández Naval -autor do texto introdutorio da obra- e a propia Maribel Longueira.
A orixe de «Papagaio» remóntase ao ano 2001, cando este barrio coruñés -espazo tradicionalmente dedicado á prostitución- foi derrubado por intereses especulativos. Durante o proceso de demolición, Maribel Longueira captou coa súa cámara analóxica o traballo das máquinas, o estado ruinoso dos edificios e algúns dos obxectos que quedaron entre os cascallos. Publicado por primera vez en 2006, este libro recolle unha pequena selección dos centos de imaxes que documentan a desaparición daquel histórico enclave, ás que Luísa Villalta deulles voz a través de 19 poemas.
Son composicións nas que se amosa reivindicativa, directa e rotunda fronte ao sistema depredador, mais tamén solidaria coas mulleres que exerceron a prostitución naquelas rúas, vítimas da violencia patriarcal, do estigma e da hipocrisía social. A ollada lírica de Luísa Villalta tamén denuncia o abuso, o oprobio e a deshumanización que sufriron as protagonistas deste drama, uns fíos que “se confunden significativamente cos relativos á ditadura franquista e ao seu envoltorio nacionalcatólico”, como apunta a poeta Eva Veiga no prólogo desta nova edición.
«Papagaio» foi unha sorte de testamento literario de Luísa Villalta e, como sinala Francisco Xosé Fernández Naval na súa introdución, forma unha “unidade” xunto con «Ruído» e «En concreto», coa cidade herculina como trasfondo.