PACO NOGUEIRAS E MARC TAEGER PRESENTAN "SON ANIMAL" EN LIBROS PARA SOÑAR
O músico Paco Nogueiras recolle a banda sonora do noso medio rural no seu novo libro-disco, «Son animal», ilustrado por Marc Taeger e publicado por KALANDRAKA. Ambos os autores participarán nun concerto de presentación este venres, 12 de abril, a partir das 18:30 horas na libraría LIBROS PARA SOÑAR (Triunfo, 1) de Vigo. Tras «Brinca vai!», «Radio bulebule» e «Extra!», as doce cancións deste cuarto traballo musical teñen como protagonistas a animais domésticos como o can, o gato, a vaca, a galiña, o porco, o burro... e outros silvestres como a ra ou o grilo.
Trátase de composicións que tanto describen as calidades físicas dos animais como os seus costumes e habilidades; ben de xeito poético, ben cun enfoque divertido e humorístico. Paco Nogueiras trae ao presente as súas lembranzas da nenez en contacto con estes habitantes do agro, en contraposición co descoñecemento que moitas nenas e nenos teñen actualmente desta fauna tan próxima pola desconexión das vilas e das cidades co campo, cada vez máis despoboado.
Co título deste libro-disco o compositor galego tamén fai un xogo de palabras: dunha banda, apela á condición animal do ser humano en relación á biodiversidade do planeta; por outro lado, dialoga con estas criaturas a través da linguaxe -ladrando, miañando, orneando, bruando, cacarexando…- coa que se comunican.
E consonte coa riqueza sinfónica destas voces, son tamén moi variados os estilos: dende pezas con raigame tradicional galega e portuguesa, aos ritmos electrónicos, a balada acústica, o rock&roll ou o rap, pasando polos ecos do leste de Europa ou de terras andinas; unha viaxe musical polo mundo que invita a bailar e a cantar con retrousos alegres e pegadizos.
O ilustrador Marc Taeger -de orixe suíza, mais afincado no Morrazo- desenvolve unha proposta gráfica a base de trazos grosos, fondos coloridos e luminosos que acentúan os riscos característicos dos animais, reforzando o sentido do humor e o afecto que producen os intérpretes desta singular orquestra. «Son animal» complétase cun anexo que recolle algúns dos abundantes ditos, refráns e adiviñas de temática zoolóxica que atesoura a tradición oral do país.