"OS ECOS DO VENTO": PRESENTACIÓN NA LIBRARÍA CARTABÓN DE VIGO

«Os ecos do vento» é o novo poemario do escritor e profesor vigués Antonio García Teijeiro, publicado por KALANDRAKA: versos ilustrados por Noemí Villamuza que homenaxean a doce mulleres creadoras, poetas ou narradoras de diferentes xeracións e procedentes de ambas as beiras do Atlántico. A libraría Cartabón (Urzaiz, 125) acollerá un encontro co autor o vindeiro xoves 21 de marzo, no Día da Poesía, ás 20:00 horas. Estará acompañado pola profesora e crítica literaria Alba Piñeiro e polo ilustrador Xosé Cobas.

Juana de Ibarborou, Gabriela Mistral, María Cristina Ramos, Mercedes Calvo, María Elena Walsh, María José Ferrada, Cecilia Pisos, Rosalía de Castro, Beatriz Giménez de Ory, María Teresa Andruetto, Laura Devetach e Gloria Fuertes son as destinatarias dos textos de Antonio García Teijeiro. A admiración pola traxectoria de cada unha delas e a inspiración nas súas respectivas obras foron a motivación desta ofrenda lírica, sensible e sincera.

As ilustracións de Noemí Villamuza reforzan a beleza, a emoción e o sentimento das palabras do autor: son imaxes de trazos dinámicos e suavemente coloreadas que están protagonizadas por nenas, mulleres e anciás -a figura feminina en distintas etapas vitais- que xogan, bailan e soñan ao ritmo dos versos.

«Os ecos do vento» é o segundo libro de Antonio García Teijeiro no catálogo de KALANDRAKA tras «Versos e viceversos», no que compartía autoría co poeta Juan Carlos Martín Ramos e co ilustrador Juan Ramón Alonso. Escritor, mestre vinculado a movementos de renovación pedagóxica e autor de numerosos libros, ten recibido os premios Merlín 1996, Pier Paolo Vergerio 1998, Luna de Aire 2007 e o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017, entre outros recoñecementos. A súa obra tamén figura en destacadas seleccións bibliográficas, como as que elaboran a Fundación Cuatrogatos, a Organización Internacional do Libro Infantil e Xuvenil (IBBY) ou a Fundación Germán Sánchez Ruipérez.

March 21 2024

Detalles

Comienzo: March 21, 2024, 8:00 PM
Fin: March 7, 2024, 9:00 PM
Dirección: Urzaiz, 125. Vigo

Sede

Libraría Cartabón

+ Google Map