MARCELO SIMONETTI PRESENTA "OS MIGRANTES" EN VIGO

MARCELO SIMONETTI PRESENTA

O xeito no que a infancia aborda -con naturalidade e sen prexuízos- o encontro con persoas diferentes, procedentes doutros países e culturas, é o eixe argumental de “Os migrantes”, recén editado por KALANDRAKA. O seu autor, o xornalista e escritor chileno Marcelo Simonetti, visita Vigo esta semana para presentar este novo libro: o xoves 2 de novembro ás 19:30 horas manterá un encontro con público adulto -especialmente autoras e autores de literatura infantil e xuvenil, docentes, profesionais de bibliotecas e mediación lectora- na Biblioteca Municipal Neira Vilas (Avenida Martínez Garrido, 21), co lema “Escribir para nenas e nenos de 9 a 99 anos”; o venres día 3 a partir das 18:00 horas participará nunha presentación e sesión de contacontos na libraría Libros para soñar (Triunfo, 1) dirixida a nenas e nenos a partir de tres anos.

Ilustrado por María Girón, “Os migrantes” conta que dous irmáns reciben na escola a noticia de que uns migrantes vanse incorporar ao centro. Ao escoitar por primeira vez esa palabra, comezan a imaxinar o seu significado, discurrindo posibilidades sorprendentes: pasteis, ourizos, espíritos… A súa intriga despéxase cando, ao chegar á aula, coñecen dous novos compañeiros chegados dende terras lonxanas. Non os identifican como os misteriosos 'migrantes' que lles anunciaran, senón que ven dous novos amigos cos que compartir experiencias e diversión.

O texto de Marcelo Simonetti relata unha situación moi común no mundo actual, globalizado e desigual. Trátase dunha mirada crítica cara á mentalidade adulta fronte á ollada curiosa e inocente das nenas e dos nenos ante o descoñecido. As ilustracións, que destacan polo seu realismo, colorido e expresividade, complementan este texto que aborda -con orixinalidade, intelixencia e humor- o encontro co diferente.

Cunha traxectoria xornalística en medios como a revista Sábado ou o El Mercurio, a súa faceta literaria abrangue novelas, contos e álbums ilustrados. Recibiu, entre outros recoñecementos, os premios La Felguera, Municipal de Santiago de Chile, Casa de América, Mellores Obras Literarias de Chile, Marta Brunet e o premio da Mostra Nacional de Dramaturxia. É promotor do podcast Tilde, no que entrevista a escritoras e escritores.

November 2 2023

Detalles

Comienzo: November 2, 2023, 7:30 PM
Fin: November 2, 2023, 7:30 PM