FESTA DOS LIBROS DE PONTEVEDRA: CONSUELO VERCHER ASINA “CHARLOTTE”

FESTA DOS LIBROS DE PONTEVEDRA: CONSUELO VERCHER ASINA “CHARLOTTE”

A colección Seteleguas de KALANDRAKA que ofrece obras para lectoras e lectores autónomos incorporou este ano a historia de «Charlotte», unha nena que conta o seu día a día a través da relación cos seus pais e cos seus irmáns maiores, o que acontece na súa contorna e o seu xeito de entender o mundo, sobre todo cando algo terrible acontece na familia. Trátase dun texto da pontevedresa Consuelo Vercher, traducido por Tamara Andrés e ilustrado por Clara Encinas. A autora asina exemplares o sábado 6 de xullo a partir das 18:30 horas na Festa dos Libros de Pontevedra, no posto da libraría Metáfora.

«Charlotte» é “un canto á vida, á tolerancia e ao amor”, en palabras de Consuelo Vercher, que tece este relato a partir da bagaxe persoal forxada dende a súa nenez e mocidade en Francia, máis outras achegas externas vencelladas ao seu círculo persoal e social. A protagonista do libro destaca pola súa frescura e a espontaneidade coa que se expresa, pola madurez e o calado filosófico do seu pensamento, pola ausencia de prexuízos e o interese polas causas xustas.  

A esta narración sensible, deliciosa e cun elaborado rexistro literario súmanse unhas ilustracións hiperrealistas -a modo de fotografías dun álbum familiar- que representan os personaxes, os escenarios que habitan e o valor simbólico dos obxectos que os caracterizan.

Licenciada en Letras Modernas pola Universidade de Pau et des Pays de L´Adour, Consuelo Vercher dedicouse durante moitos anos á docencia como profesora de Lingua Francesa no Ensino Secundario. Recibiu o 1º Premio de Innovación Educativa (Embaixada de Francia en Madrid) e o 1º Premio Letras Galegas “María Mariño” (Xunta de Galicia). Como tradutora, ten colaborado coa Semana Galega de Filosofía que organiza a Aula Castelao de Pontevedra, coa editorial Laiovento e coa revista Grial.

 

July 6 2024

Detalles

Comienzo: July 6, 2024, 6:30 PM
Fin: July 6, 2024, 7:30 PM
Dirección: Praza da Ferraría, Pontevedra

Sede

Festa dos Libros de Pontevedra

+ Google Map