FEIRA DO LIBRO DE VIGO: PACO NOGUEIRAS PRESENTA "SON ANIMAL"

Paco Nogueiras recolle a banda sonora do noso medio rural no seu novo libro-disco, «Son animal», ilustrado por Marc Taeger e publicado por KALANDRAKA. O músico galego ofrece un concerto de presentación na xornada inaugural da Feira do Libro de Vigo, o luns 1 de xullo a partir das 18:30 horas na carpa de actividades situada na Praza de Compostela. Trala actuación, organizada pola Federación de Librarías de Galicia, asinará exemplares no stand da secretaría. Ademais, a caseta de LIBROS PARA SOÑAR recibe ás 19:30 horas o ilustrador Marc Taeger, que asinará esta e outras obras da súa autoría.
Tras «Brinca vai!», «Radio bulebule» e «Extra!», as doce cancións deste cuarto traballo musical de Paco Nogueiras teñen como protagonistas a animais domésticos como o can, o gato, a vaca, a galiña, o porco, o burro... e outros silvestres como a ra ou o grilo. Trátase de composicións que describen tanto as calidades físicas dos animais como os seus costumes e habilidades; ben de xeito poético, ben cun enfoque divertido e humorístico. Paco Nogueiras trae ao presente as súas lembranzas da nenez en contacto con estes habitantes do agro, en contraposición co descoñecemento que moitas nenas e nenos teñen actualmente desta fauna tan próxima pola desconexión das vilas e das cidades co campo, cada vez máis despoboado.
Co título deste libro-disco tamén fai un xogo de palabras: dunha banda, apela á condición animal do ser humano en relación á biodiversidade do planeta; por outro lado, dialoga con estas criaturas a través da linguaxe -ladrando, miañando, orneando, bruando, cacarexando…- coa que se comunican.
E consonte coa riqueza sinfónica destas voces, son tamén moi variados os estilos: dende pezas con raigame tradicional galega e portuguesa, aos ritmos electrónicos, a balada acústica, o rock&roll ou o rap, pasando polos ecos do leste de Europa ou de terras andinas; unha viaxe musical polo mundo que invita a bailar e a cantar con retrousos alegres e pegadizos.
O ilustrador Marc Taeger desenvolve unha proposta gráfica a base de trazos grosos, fondos coloridos e luminosos que acentúan os riscos característicos dos animais, reforzando o sentido do humor e o afecto que producen os intérpretes desta singular orquestra.
A participación de KALANDRAKA na Feira do Libro de Vigo continúa o martes día 2 coa presentación do poemario «De centeo e durmideiras», de Rosalía Fernández Rial, ás 20:00 horas. Ás 19:30 horas a caseta de Cartabón acolle o tamén poeta Antón Reixa, que asinará exemplares da súa primera escolma poética, «Enciclopedia perplexidade» e mais «Melancoholemia. Vida de mamarracho», ambos publicados na colección Rizomas.
O venres día 5 ás 19:15 horas o pintor e ilustrador vigués Ramón Trigo presenta «Labirinto» nunha conversa con Branca Trigo na que non faltará a lectura de textos poéticos e a performance artística. Ás 20:00 horas a xornalista Tereixa Constenla asina exemplares de «Abril é un país» na caseta de Cartabón.
Por último, o sábado 6 a partir das 12:30 horas a ilustradora Lucía Cobo asina exemplares de «Osa» na caseta de LIBROS PARA SOÑAR.