FEIRA DO LIBRO DE VIGO: MARC TAEGER ASINA AS SÚAS OBRAS

FEIRA DO LIBRO DE VIGO: MARC TAEGER ASINA AS SÚAS OBRAS

A caseta de LIBROS PARA SOÑAR na Feira do Libro de Vigo, que se celebra ata o 7 de xullo na Praza de Compostela, recibe o luns día 1 ás 19:30 horas o ilustrador Marc Taeger para asinar exemplares das súas obras. «Son animal» é o título máis recente da súa extensa bibliografía no catálogo de KALANDRAKA. É o seu segundo libro-disco co músico Paco Nogueiras, despois de «Extra!». A presenza de Marc Taeger na Feira coincide coa de Paco Nogueiras, que ás 18:30 horas na carpa de actividades ofrece un concerto de presentación dalgunhas das cancións deste novo traballo, protagonizadas por animais domésticos e silvestres que habitan no medio rural.

As ilustracións, a base de trazos grosos, fondos coloridos e luminosos que acentúan os riscos característicos dos animais, reforzan o sentido do humor e o afecto que inspiran os intérpretes desta singular orquestra.

Ademais, Marc Taeger dedicará exemplares doutros títulos como «O elefante que perdeu o seu ollo», un conto tradicional africano adaptado por Boniface Ofogo; «Garavanciño» e «Un máis», con textos de Olalla González; «Aquiles o puntiño», escrito por Guia Risari; «Elefante comellón», de Rafa Ordóñez; ou «Artur», de Xosé Manuel González Oli. Afincado dende hai anos en Bueu, o artista suízo ten publicados unha ducia de libros en KALANDRAKA. Por «A verdadeira historia de Carapuchiña», recibiu o Premio Daniel Gil 2005 nas categorías de ilustración e deseño. Tamén se dedica a realizar pintura mural, escultura e animación. Expuxo a súa obra en Luxemburgo, Alemaña, China, Francia e Costa Rica, entre outros países.

A participación de KALANDRAKA na Feira do Libro de Vigo continúa o martes día 2 coa presentación do poemario «De centeo e durmideiras», de Rosalía Fernández Rial, ás 20:00 horas. Ás 19:30 horas a caseta de Cartabón acolle o tamén poeta Antón Reixa, que asinará exemplares da súa primera escolma poética, «Enciclopedia perplexidade» e mais «Melancoholemia. Vida de mamarracho», ambos publicados na colección Rizomas.

O venres día 5 ás 19:15 horas o pintor e ilustrador vigués Ramón Trigo presenta «Labirinto» nunha conversa con Branca Trigo na que non faltará a lectura de textos poéticos e a performance artística. Ás 20:00 horas a xornalista Tereixa Constenla asina exemplares de «Abril é un país» na caseta de Cartabón.

Por último, o sábado 6 a partir das 12:30 horas a ilustradora Lucía Cobo asina exemplares de «Osa» na caseta de LIBROS PARA SOÑAR.

July 1 2024

Detalles

Comienzo: July 1, 2024, 7:30 PM
Fin: July 28, 2024, 8:30 PM
Dirección: Praza de Compostela, Vigo

Sede

Feira do Libro de Vigo

+ Google Map