FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA: PRESENTACIÓN DE "AS FILLAS BRAVAS DE MOMÁN"

FEIRA DO LIBRO DA CORUÑA:  PRESENTACIÓN DE

A Feira do Libro da Coruña que se celebrará do 1 ao 10 de agosto nunha nova ubicación dentro dos Xardíns de Méndez Núñez vai ofrecer unha presentación da versión impresa da obra de teatro «As Fillas Bravas de Momán», do grupo Chévere, publicada na Biblioteca de Teatro de KALANDRAKA. O mércores 6 de agosto a partir das 19:45 horas as actrices Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar interpretarán os personaxes de Isaura da Pinanta, Dosinda e Benedita de Cachán. Trátase de tres mulleres apoderadas, autónomas e emancipadas que falan e fan, tocan e cantan o que queren e como queren “sen renderlle contas a ninguén”, como afirman no espectáculo.

Fronte ao clixé dunha sociedade rural “conservadora, atrasada ou submisa, e que reduce as mulleres ao ámbito privado da familia”, explica no limiar do libro o director da obra, Xesús Ron, a través das coplas do cancioneiro tradicional que aprenderon das súas antecesoras, as Fillas Bravas dan conta dos roles produtivos asumidos polas mulleres das aldeas, a existencia de relacións extramatrimoniais e prácticas anticonceptivas ou abortivas, mais tamén dunha actitude combativa denunciando o acoso, os abusos e as violacións.

No ano no que a Real Academia Galega lle dedicou o Día das Letras Galegas á poesía oral popular e ás cantareiras, «As Fillas Bravas de Momán» suma máis dunha década nos escenarios de todo o país reivindicando a autenticidade do medio rural e revivindo a pegada do legado cultural e social das mulleres dende tempo inmemorial. O libro contén o texto completo da obra e un apéndice con numerosas fotografías das Fillas Bravas nas súas actuacións. Este é o sexto título da Biblioteca de Teatro tras «Río Bravo», «Annus horribilis», «Citizen», «Eroski Paraíso» e a autobiografía «Chévere 1987-2022. Trinta e cinco anos de resistencia cultural».

No encontro tamén van participar as intérpretes de lingua de signos Gema Santos e Chusa Pérez de Vallejo, que signarán para as persoas xordas todo o que conten e canten as Fillas Bravas, tanto anécdotas sobre a vida na aldea de Momán como as coplas creadas expresamente para esta presentación na Feira do Libro da Coruña.

August 6 2025

Detalles

Comienzo: August 6, 2025, 7:45 PM
Fin: August 6, 2025, 8:15 PM
Dirección: Feira do Libro da Coruña, Xardíns de Méndez Núñez

Sede

Feira do Libro da Coruña

+ Google Map