CULTURGAL: PRESENTACIÓN DE "FILLA DAS ONDAS"
A escritora e académica pontevedresa Fina Casalderrey e o ilustrador Xosé Cobas presentan este venres en Culturgal, a partir das 18:00 horas no Espazo Letras, a edición renovada de «Filla das ondas», estreando unha nova proposta gráfica 25 anos despois da publicación desta obra no catálogo de KALANDRAKA. Trátase dun relato fantástico e onírico que recrea a historia de Pontevedra dende o medievo, e no que afloran aspectos da actualidade como a admirable recuperación do casco histórico e o seu revolucionario modelo urbán.
Os protagonistas de «Filla das ondas» son un mozo recén mudado a Pontevedra e unha misteriosa rapaza que lle mostra como foi transformándose a Boa Vila: dende os séculos XV e XVI coa Feira Franca, a muralla que rodea a vila señorial e o esplendor do barrio mariñeiro da Moureira, ata os séculos XIX e XX cando se encontran co pirata Benito Soto, co boticario Perfecto Feijoo e Co seu loro Ravachol, e mesmo cos intelectuais Alexandre Bóveda e Castelao. Todo tipo de acontecementos sociais e culturais, anécdotas e curiosidades, lendas e tradicións, artéllanse con mestría nesta divertida e trepidante aventura; unha viaxe no tempo cunhas espectaculares ilustracións que, a través do detallismo das arquitecturas, realzan a beleza da cidade e permiten coñecela dun xeito diferente e atractivo.
Fina Casalderrey, que acaba de ser nominada por cuarta vez como candidata ao Premio Astrid Lindgren, tamén foi proposta ao Premio Hans Christian Andersen, o máximo recoñecemento internacional no eido da Literatura Infantil e Xuvenil. Autora de ducias de libros traducidos a varias linguas, ten recibido os principais recoñecementos en Galicia ao longo de máis de tres décadas de traxectoria literaria.
A obra de Xosé Cobas suma máis de 200 títulos dende que, a finais dos 80, se dedica á ilustración de libros infantís e xuvenís. Seleccionado na lista The White Ravens, entre outras distincións, ten participado en exposicións a nivel europeo e latinoamericano.
Os autores tamén asinarán exemplares de «Filla das ondas» o sábado ás 18:30 horas no stand da libraría Paz.