CONSUELO VERCHER PRESENTA "CHARLOTTE" EN PONTEVEDRA

CONSUELO VERCHER PRESENTA

A colección Seteleguas de KALANDRAKA que ofrece obras para lectoras e lectores autónomos vén de incorporar a historia de «Charlotte», unha nena que conta o seu día a día a través da relación cos seus pais e os seus dous irmáns maiores, o que acontece na súa contorna e o seu xeito de entender o mundo, sobre todo cando algo terrible acontece na súa familia. Trátase dunha obra da autora pontevedresa Consuelo Vercher, traducida por Tamara Andrés e ilustrada por Clara Encinas. A libraría Metáfora (rúa Charino, 9) de Pontevedra acolle un encontro coa autora e coa tradutora o martes 30 de xaneiro ás 19:30 horas.

«Charlotte» é “un canto á vida, á tolerancia e ao amor”, en palabras de Consuelo Vercher, que tece este relato a partir da bagaxe persoal forxada dende a súa nenez e mocidade en Francia, máis outras achegas externas. A protagonista destaca pola súa frescura e a espontaneidade coa que se expresa, pola madurez e o calado filosófico do seu pensamento, pola ausencia de prexuízos e o interese polas causas xustas.

A este texto sensible, delicioso e cun elaborado rexistro literario súmanse unhas ilustracions hiperrealistas -a modo de fotografías do álbum familiar- que representan os personaxes, os escenarios que habitan e o valor simbólico dos obxectos que os caracterizan.

Licenciada en Letras Modernas pola Universidade de Pau et des Pays de L´Adour, Consuelo Vercher dedicouse durante moitos anos á docencia, como profesora de Lingua Francesa no Ensino Secundario. Recibiu o 1º Premio de Innovación Educativa (Embaixada de Francia en Madrid) e o 1º Premio Letras Galegas “María Mariño” (Xunta de Galicia). Como tradutora, ten colaborado coa Semana Galega de Filosofía que organiza a Aula Castelao de Pontevedra, coa editorial Laiovento e coa revista Grial.

 

January 30 2024

Detalles

Comienzo: January 30, 2024, 7:30 PM
Fin: January 30, 2024, 8:30 PM
Dirección: Rúa Charino, 9. Pontevedra

Sede

Libraría Metáfora, Pontevedra

+ Google Map