CONSUELO VERCHER PRESENTA "CHARLOTTE" EN CANGAS

CONSUELO VERCHER PRESENTA

A colección Seteleguas de KALANDRAKA que ofrece obras para lectoras e lectores autónomos vén de incorporar a historia de «Charlotte», unha nena que conta o seu día a día a través da relación cos seus pais e cos seus irmáns maiores, o que acontece na súa contorna e o seu xeito de entender o mundo, sobre todo cando algo terrible acontece na familia. Trátase dun texto da autora pontevedresa Consuelo Vercher, traducido por Tamara Andrés e ilustrado por Clara Encinas. A libraría Wells (Praza do Arco, 5) de Cangas acollerá un encontro coa autora o vindeiro venres 15 de marzo, a partir das 19:30 horas, na compaña do profesor, escritor e tradutor Xosé Manuel González.

«Charlotte» é “un canto á vida, á tolerancia e ao amor”, en palabras de Consuelo Vercher, que tece este relato a partir da bagaxe persoal forxada dende a súa nenez e mocidade en Francia, máis outras achegas externas vencelladas ao seu círculo persoal e social. A protagonista do libro destaca pola súa frescura e a espontaneidade coa que se expresa, pola madurez e o calado filosófico do seu pensamento, pola ausencia de prexuízos e o interese polas causas xustas.  

A esta narración sensible, deliciosa e cun elaborado rexistro literario súmanse unhas ilustracions hiperrealistas -a modo de fotografías dun álbum familiar- que representan os personaxes, os escenarios que habitan e o valor simbólico dos obxectos que os caracterizan.

Licenciada en Letras Modernas pola Universidade de Pau et des Pays de L´Adour, Consuelo Vercher dedicouse durante moitos anos á docencia como profesora de Lingua Francesa no Ensino Secundario. Recibiu o 1º Premio de Innovación Educativa (Embaixada de Francia en Madrid) e o 1º Premio Letras Galegas “María Mariño” (Xunta de Galicia). Como tradutora, ten colaborado coa Semana Galega de Filosofía que organiza a Aula Castelao de Pontevedra, coa editorial Laiovento e coa revista Grial.

March 15 2024

Detalles

Comienzo: March 15, 2024, 7:30 PM
Fin: March 15, 2024, 8:30 PM
Dirección: Praza do Arco, 5. Cangas do Morrazo

Sede

Libraría Wells

+ Google Map