CHÉVERE PRESENTA "AS FILLAS BRAVAS DE MOMÁN" NA FESTA DOS LIBROS DE PONTEVEDRA

CHÉVERE PRESENTA

A Festa dos Libros de Pontevedra comeza a súa oitava nova edición o venres 4 de xullo na Praza da Ferraría, onde KALANDRAKA volve contar cun posto de exposición entre as trece librarías da cidade que participan. Na xornada inaugural presentarase, a partir das 18:30 horas, a edición impresa do espectáculo do Grupo Chévere «As Fillas Bravas de Momán», con Patricia de Lorenzo e Xesús Ron, que conversarán coa directora artística da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, María Armesto. Precisamente, foi na sección Mulleres en acción da MITCF de 2014 onde se realizou a estrea de «As Fillas Bravas».

Publicada na Biblioteca de Teatro de KALANDRAKA, a obra está protagonizada polos personaxes de Isaura da Pinanta, Dosinda e Benedita de Cachán, tres mulleres apoderadas, autónomas e emancipadas que falan e fan, tocan a pandeireta e cantan o que queren e como queren “sen renderlle contas a ninguén”, como afirman na actuación.

Fronte ao clixé dunha sociedade rural “conservadora, atrasada ou submisa, e que reduce as mulleres ao ámbito privado da familia”, explica Xesús Ron no limiar do libro, as Fillas Bravas dan conta dos roles produtivos asumidos polas mulleres das aldeas, da existencia de relacións extramatrimoniais e prácticas anticonceptivas ou abortivas. As coplas do cancioneiro tradicional que aprenderon das súas antecesoras son o medio expresivo co que canalizan a súa actitude combativa denunciando o acoso, os abusos e as violacións.

«As Fillas Bravas de Momán» levan máis dunha década reivindicando a autenticidade do medio rural e revivindo a pegada do legado cultural e social das mulleres dende tempos antigos. A celebración do Día das Letras Galegas que a Real Academia Galega lle dedicou este ano á poesía oral popular e ás cantareiras trouxo de novo á actualidade esta proposta escénica cunha versión renovada coa que o Grupo Chévere segue percorrendo todo o país.

 

July 4 2025

Detalles

Comienzo: July 4, 2025, 6:30 PM
Fin: July 4, 2025, 7:00 PM
Dirección: Praza da Ferraría, Pontevedra

Sede

Festa dos Libros de Pontevedra

+ Google Map