"CANDO MARTIÑO TIVO GANAS DE MEXAR NA NOITE DE REIS": CELEBRACIÓN DO 25º ANIVERSARIO NA GALERÍA TANGRAM

Convertido nun dos títulos máis sobranceiros do catálogo dos Libros para soñar de KALANDRAKA, «Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis» cumpre 25 anos acompañando as nenas e os nenos no tempo do Nadal, poñendo palabras e imaxes á emoción e á ilusión coa que agardan a chegada dos Magos de Oriente. Os autores desta obra, os pontevedreses Chema Heras e Kiko da Silva, participarán nun encontro con nenas e nenos, e as súas familias, o vindeiro 3 de xaneiro a partir das 18:00 horas na Galería Tangram. Na celebración deste aniversario tan especial compartirán a narración do conto e a ilustración dunha pasaxe da obra. Os participantes tamén poderán escribir a súa carta coa lista de desexos para depositala nunha caixa do correo creada expresamente para esta ocasión, a imaxe das que se utilizaban antano nas rúas.
«Cando Martiño tivo ganas de mexar na Noite de Reis» conta a historia dun neno que quere recibir un tren de xoguete como agasallo e vai cedo para a cama coa ansia de ver cumprido o seu soño. Mais, de madrugada, tense que erguer para ir ao baño, onde o sorprende unha voz atronadora.
Dotado dun amplo abano de recursos -repeticións, musicalidade, intriga e un sorprendente final-, o texto do profesor e escritor Chema Heras reborda enxeño e humor, ademais de reflectir a complexidade e a inocencia do maxín infantil.
Feitas cunha amalgama de técnicas e materiais, como anacos de papel pintado, cortiza ou lixa, as ilustracións de Kiko da Silva resaltan pola súa expresidade, orixinalidade, forza comunicativa e unha inusual representación das formas, das perspectivas e da secuencia de planos.
Tras dedicarse durante moitos anos ao ensino nun centro escolar do Salnés, Chema Heras segue vencellado á literatura a través da tradución e da colaboración editorial. A súa experiencia neste eido deu como froito un poemario, unha colección de lecto-escritura e varias publicacións, entre as que destaca «Avós» (KALANDRAKA), distinguida co Premio Llibreter 2003, entre outros recoñecementos.
Fundador e director da Escola Profesional de Banda Deseñada O Garaxe Hermético, Kiko da Silva ten unha longa traxectoria como artista plástico e humorista gráfico. Licenciado en Belas Artes, creou varias revistas de banda deseñada premiadas nos principais festivais de cómic, ademais de colaborar en publicacións de referencia neste xénero. Galardoado co Premio de Cómic de Ourense (1996), o Premio Internacional de Humor Gráfico de Porto e o Premio Castelao de Banda Deseñada 2014, tamén é autor do álbum «Moncho e a mancha» (KALANDRAKA).
Conto contado en Kalandraka Tv:
https://kalandraka.tv/gl/videos/conto-contado-cando-martino-tivo-ganas-de-mexar-na-noite-de-reis/
Entrevista cos autores en Kalandraka Tv:
https://kalandraka.tv/gl/videos/cando-martino-tivo-ganas-de-mexar-na-noite-de-reis/