BONIFACE OFOGO PRESENTA "UNA VIDA DE CUENTO" EN COMPOSTELA

«Una vida de cuento», de Boniface Ofogo, chegará proximamente ás librarías, publicado por KALANDRAKA, onde o narrador camerunés ten publicadas tamén as fábulas tradicionais africanas «O elefante que perdeu o seu ollo», «A paso de tartaruga» e «O león Kandinga». Trátase da edición renovada dunha obra autobiográfica que abrangue dende a súa infancia en Omassa ata a actualidade, tras máis de 30 anos de oficio como contador de historias, coas que percorre o mundo enteiro. A modo de adianto, a libraría Numax de Santiago (Concepción Arenal, 9) acollerá un encontro co autor este luns 26 de maio a partir das 19:00 horas, no que conversará coa escritora, actriz e dramaturga Paula Carballeira.
Enmarcado na colección Puntos cardinales, que recolle o testemuño de destacados referentes da Literatura Infantil e Xuvenil contemporánea, «Una vida de cuento» plasma a longa experiencia de Boniface Ofogo como “artista da palabra” a través da cultura oral popular dos pobos africanos. O autor acredita o vínculo entre a narración e a animación á lectura, ademais de reivindicar que os contos e a tradición oral “son unha forma eficaz de loitar contra o proceso de deshumanización no que estamos inmersos” nesta sociedade globalizada e hipertecnolóxica.
A partir do desexo de Boniface Ofogo de unir o pobo africano coa súa diáspora americana, «Una vida de cuento» tamén achega unha reflexión sobre a transmisión oral entre os sucesores dos máis de vinte millóns de escravos que chegaron ao Novo Continente e os seus predecesores das tribos mandinga, bakongo, yoruba e ashanti.
VISITAS A ESCOLAS
Trala súa recente participación nun festival internacional de narración en México, Boniface Ofogo retorna a Galicia para visitar diversas escolas —A Coruña, Sigüeiro, Coristanco, Cee…— para compartir co alumnado de Educación Infantil e Primaria o legado ancestral dos pobos africanos a través das fábulas.
O protagonista de «O elefante que perdeu o seu ollo», ilustrado por Marc Taeger, descobre a importancia de manter a serenidade para afrontar situacións difíciles. «A paso de tartaruga», ilustrado por Rebeca Luciani, conta como a criatura máis lonxeva, sabia e perseverante logra a supervivencia de toda a fauna, superando outros animais máis áxiles e impoñentes. Con ilustracións de Elisa Arguilé, a historia de «O león Kandinga» conta como a crueldade, o egoísmo e a avaricia conducen á soidade.
Boniface Ofogo estudou Filoloxía Hispánica na Universidade de Yaoundé e ampliou a súa formación en Madrid, onde foi mediador intercultural. Dende 2005 dedícase en exclusiva a percorrer escolas, bibliotecas, librarías e centros socioculturais co seu repertorio de historias, especializado nas fábulas, lendas, mitos e tradicións da África negra.