BERTA OJEA PRESENTA “A ÚNICA, MARIA CASARÈS” NA MOSTRA DE TEATRO DE CANGAS

BERTA OJEA PRESENTA “A ÚNICA, MARIA CASARÈS” NA MOSTRA DE TEATRO DE CANGAS

A traxectoria vital e artística da actriz María Casares (A Coruña, 1922- Alloue, Francia, 1996) centra a charla que ofrece a intérprete galega Berta Ojea o sábado 29 de xuño, ás 12:30 horas, na Capela do Hospital (Xardíns do Señal, Alameda Nova) de Cangas. O encontro forma parte das XXIV Xornadas Mulleres en Acción no marco da 41.ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo. "Foi unha intelectual, cun compromiso absoluto co seu tempo, que atravesa o século XX", afirma Berta Ojea, que auspiciou a publicación en KALANDRAKA do libro «A única, María Casarès», da autora francesa Anne Plantagenet, con tradución de Isabel Soto.

María Casares chegou a ser unha das actrices máis admiradas de Francia, triunfando no teatro e mais no cine baixo a dirección de destacados directores como Marcel Carné, Robert Bresson ou Jean Cocteau. Alén das relacións que mantivo co actor Gérard Philipe e co escritor e filósofo Albert Camus, foi unha muller libre, valente e perseverante. Esta biografía, que veu a luz co gallo do seu centenario, preserva a memoria dunha das grandes referencias do exilio. Trátase dun texto fluído e moi documentado que se le como unha novela, contando a historia -dentro e fóra dos escenarios- dunha actriz recoñecida internacionalmente que nunca renunciou ás súas raíces galegas.

Berta Ojea coñeceu a María Casares en París no ano 1989 e a amizade entre ambas as dúas prolongouse durante moitos anos, compartindo longas conversas: “Era unha artista inmensa; tiven a oportunidade de ver a grandes actores, pero nunca sentín aquela enorme grandeza que tiña no teatro María Casares, que se transformaba en cada función".

June 29 2024

Detalles

Comienzo: June 29, 2024, 12:30 PM
Fin: June 25, 2024, 1:30 PM
Dirección: Capela do Hospital (Xardíns do Señal, Alameda Nova), Cangas do Morrazo

Sede

Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas

+ Google Map