"AS FILLAS BRAVAS DE MOMÁN" DO GRUPO CHÉVERE, NA FEIRA DO LIBRO DE SANTIAGO

A Feira do Libro de Santiago chega ao seu fin o domingo 11 de maio no Paseo Central da Alameda coa presentación, a partir das 19:30 horas, da versión impresa da obra de teatro «As Fillas Bravas de Momán», do grupo Chévere, publicada na Biblioteca de Teatro de KALANDRAKA. As actrices Patricia de Lorenzo, Mónica García e Arantza Villar farán unha pequena interpretación dos personaxes de Isaura da Pinanta, Dosinda e Benedita de Cachán. Trátase de tres mulleres apoderadas, autónomas e emancipadas que falan e fan, tocan e cantan o que queren e como queren “sen renderlle contas a ninguén”, como afirman no espectáculo.

Fronte ao clixé dunha sociedade rural “conservadora, atrasada ou submisa, e que reduce as mulleres ao ámbito privado da familia”, explica no limiar o director da función, Xesús Ron, a través as coplas do cancioneiro tradicional que aprenderon das súas antecesoras, as Fillas Bravas dan conta dos roles produtivos asumidos polas mulleres das aldeas, a existencia de relacións extramatrimoniais e prácticas anticonceptivas ou abortivas, e dunha actitude combativa denunciando o acoso, os abusos e as violacións.

No ano no que a Real Academia Galega lle dedica o Día das Letras Galegas á poesía oral popular e ás cantareiras, «As Fillas Bravas de Momán» suman máis dunha década nos escenarios de todo o país reivindicando a autenticidade do medio rural e revivindo a pegada do legado cultural e social das mulleres dende tempos antigos.

May 11 2025

Detalles

Comienzo: May 11, 2025, 7:30 PM
Fin: May 11, 2025, 8:15 PM
Dirección: Paseo Central da Alameda de Santiago de Compostela

Sede

Feira do Libro de Santiago

+ Google Map