"A ÚNICA, MARIA CASARÈS" CON BERTA OJEA, NO LUGAR DAS MARÍAS

A traxectoria vital e artística da actriz María Casares (A Coruña, 1922 - Alloue, Francia, 1996) centra a charla que ofrece a intérprete Berta Ojea o sábado 16 de novembro ás 12:00 horas no Lugar das Marías de Xove (Veiga, 15. Estr. A Rigueira), unha hospedaxe temática que, a través da nomenclatura das súas estancias, visibiliza e honra a memoria das “marías galegas” -entre elas, a artista coruñesa- que destacaron na historia por seren precursoras “das artes, das letras, da ciencia e da vida cotiá”.

María Casares foi "unha intelectual, cun compromiso absoluto co seu tempo, que atravesa o século XX", afirma Berta Ojea, que auspiciou a publicación en KALANDRAKA do libro «A única», escrito por Anne Plantagenet e traducido por Isabel Soto.

Chegou a ser unha das actrices máis admiradas de Francia, triunfando no teatro e mais no cine baixo a dirección de destacados directores como Marcel Carné, Robert Bresson ou Jean Cocteau. Alén da súa relación actor Gérard Philipe e co escritor e filósofo Albert Camus, María Casares foi unha muller libre, valente e perseverante. Esta biografía, que veu a luz co gallo do seu centenario, preserva a memoria dunha das grandes referencias do exilio. Trátase dun texto fluído e moi documentado que se le como unha novela, contando a historia -dentro e fóra dos escenarios- dunha actriz recoñecida internacionalmente que nunca renunciou ás súas raíces galegas.

Berta Ojea coñeceu a María Casares en París no ano 1989 e a amizade entre ambas as dúas prolongouse durante moitos anos, compartindo longas conversas:  “Era unha artista inmensa; tiven a oportunidade de ver a grandes actores, pero nunca sentín aquela enorme grandeza que tiña María Casares no teatro, que se transformaba en cada función”.

November 16 2024

Detalles

Comienzo: November 16, 2024, 12:00 PM
Fin: November 16, 2024, 1:00 PM
Dirección: Veiga, 15. Estr. A Rigueira (Xove, Lugo)

Sede

Lugar das Marías (Xove, Lugo)

+ Google Map