"A ÚNICA, MARIA CASARÈS" CON BERTA OJEA, NA CASA MUSEO CASARES QUIROGA DA CORUÑA

A traxectoria vital e artística da actriz María Casares (A Coruña, 1922 - Alloue, Francia, 1996) centra a charla que ofrece a intérprete Berta Ojea o xoves 21 de novembro ás 19:00 horas na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panadeiras, 12) da Coruña. María Casares foi "unha intelectual, cun compromiso absoluto co seu tempo, que atravesa o século XX", afirma Berta Ojea, que auspiciou a publicación en KALANDRAKA do libro «A única», escrito por Anne Plantagenet e traducido por Isabel Soto.

Trátase dun encontro moi especial, que se celebra na vivenda onde naceu María Casares e onde residiu o seu pai, Santiago Casares-Quiroga, presidente do Goberno da Segunda República. Presentada polo xornalista Javier Becerra, a intervención de Berta Ojea realizarase na biblioteca desta Casa Museo, un espazo con moito protagonismo no libro. Comezará cunha visita guiada polas instalacións, en cuxo terceiro andar hai unha exposición permanente dedicada a María Casares.

Berta Ojea coñeceu a María Casares en París no ano 1989 e a amizade entre ambas as dúas prolongouse durante moito tempo, compartindo longas conversas:  “Era unha artista inmensa; tiven a oportunidade de ver a grandes actores, pero nunca sentín aquela enorme grandeza que tiña María Casares no teatro, que se transformaba en cada función”.

Comezou no teatro independente, formou parte da Comedia Francesa e despois do Teatro Nacional Popular, co que percorreu numerosos países, converténdose nunha das actrices máis admiradas de Francia. Aínda que os escenarios estiveron por diante do cinema na súa traxectoria, tamén triunfou diante das cámaras baixo a dirección de destacados cineastas como Marcel Carné, Robert Bresson ou Jean Cocteau. Alén da súa relación actor Gérard Philipe e co escritor e filósofo Albert Camus, María Casares foi unha muller libre, valente e perseverante.

Esta biografía, que veu a luz co gallo do seu centenario, preserva a memoria dunha das grandes referencias do exilio. Trátase dun texto fluído e moi documentado que se le como unha novela, contando a historia -dentro e fóra dos escenarios- dunha actriz recoñecida internacionalmente que nunca renunciou ás súas raíces galegas.

En Francia, recibiu o Premio Moliére e o Premio Nacional de Teatro. O Goberno español concedeulle a Medalla ao Mérito nas Belas Artes e a Xunta, a Medalla Castelao. Dende 1996, os galardóns anuais das actrices e dos actores galegos denomínanse Premios María Casares.

November 21 2024

Detalles

Comienzo: November 21, 2024, 7:00 PM
Fin: November 21, 2024, 8:00 PM
Dirección: Panaderas, 12. A Coruña

Sede

Casa Museo Casares Quiroga, A Coruña

+ Google Map