A "BIBLIOTECA DE PEDAGOXÍA", NA FACULTADE DE EDUCACIÓN DE PONTEVEDRA

A

O libro «Realidades e horizontes da educación en Galicia» presenta unha mirada plural e panorámica, crítica e comprometida, sobre cuestións fundamentais do desenvolvemento educativo, abordadas con certa profundidade por especialistas na materia. Trátase dun novo volume da Biblioteca de Pedagoxía que dirixe o catedrático de Historia da Educación da Universidade de Santiago, Antón Costa. O profesor Costa participará na presentación deste título e da colección nun encontro que se celebrará o xoves 27 de marzo ás 11:00 horas na Facultade de Ciencias da Educación (campus de Pontevedra) da Universidade de Vigo, coa vicedecana da facultade, Eulalia Agrelo, como anfitrioa desta sesión académica.

Precisamente, «Realidades e horizontes da educación en Galicia» é tamén unha homenaxe a Antón Costa polos seus máis de corenta anos de traxectoria como docente, investigador, impulsor e organizador -Tamén no plano institucional- nun continuo servizo á causa do desenvolvemento educativo. Nos últimos anos ten dedicado unha boa parte do seu labor a coordinar a Biblioteca de Pedagoxía, distinguida co Premio Gala do Libro Galego 2019 á Mellor Iniciativa Bibliográfica.  

A colección, que actualmente suma 17 títulos, está enfocada a ofrecerlles ás lectoras e lectores “unha parte significativa e seleccionada dos textos de materia educativa e pedagóxica que teñen acadado relevo internacional", ten explicado o profesor Costa, “dada a súa influencia tanto na configuración das posicións teóricas e científicas no campo pedagóxico, como nas prácticas escolares e educativas do noso tempo”.

A obra máis recente, coordinada polos profesores José Antonio Caride e Jesús Rodríguez, e publicada en colaboración co grupo de investigación en Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-Interea) da Universidade de Santiago de Compostela, reúne as achegas de 56 profesoras e profesores das tres universidades galegas e dos distintos niveis educativos, xunto con técnicos do ámbito educativo. «Realidades e horizontes da educación en Galicia» aborda cuestións e reflexións trazadas a partir dalgúns apuntes históricos, procurando afrontar problemas socio-educativos e escenarios de formación que lle afectan á cidadanía. Unha mirada reflexiva coa que se pretende contribuír a consolidar un espazo público deliberativo para un mellor desenvolvemento educativo.

O propio Antón Costa asina o epílogo desta obra colectiva cun artigo titulado «A nosa educación: o escenario, estudos, programas e retos» no aboga por procurar os instrumentos que axuden a avanzar no horizonte da “nova educación galega”.

 

March 27 2025

Detalles

Comienzo: March 27, 2025, 11:00 AM
Fin: March 27, 2025, 12:00 PM
Dirección: Campus A Xunqueira, s/n. 36005 Pontevedra

Sede

Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, campus de Pontevedra

+ Google Map