Cor animal

As habilidades, costumes e curiosidades dunha trintena de animais terrestres, acuáticos e voadores, representados coa técnica do collage e cun chamativo tratamento cromático. Unha maneira amena e orixinal de achegarse á fauna, apreciar a biodiversidade e viaxar por todo o mundo.

“Cor Animal” reúne unha trintena de animais que habitan en diversos lugares do mundo, presentándoos cun sinxelo texto descritivo e cunhas chamativas ilustracións elaboradas coa técnica do collage dixital, que destacan polo seu extraordinario colorido, as sorprendentes texturas e a orixinal fisonomía dos seus protagonistas. Non se trata dun libro de animais corrente, senón dunha obra que ofrece un achegamento ameno á fauna, con contidos asequibles para primeiros lectores nos que Agustín Agra expón as principais habilidades destas especies, os seus costumes e algunhas curiosidades.

Sobre todo, chama a atención o tratamento do color no estilo artístico de Maya Hanisch: pel, pelaxe, plumas, escamas ou cobertura destes seres vivos son unha amalgama de recortes de revista e xornal, estampados de correo postal, tipografías, papel pintado con pinceladas de tinta, trazos soltos ou retais de materiais téxtiles. O seu traballo remítenos a Eric Carle pola liberdade creativa destas imaxes, nada convencionais.

Dende o aspecto fero da candorca ou do tigre de Bengala, ata a delicadeza das bolboretas, pasando polo exotismo do quetzal ou do peixe pallaso, “Cor Animal” proponnos unha enriquecedora viaxe por terra, mar e aire.
Leer más
Leer menos
14,00 €

Otros idiomas: