Panthera tigris

Alzial, Sylvain Rajcak, Hélène Traducción: Andrés, Tamara

Unha historia que bebe das antigas ensinanzas hindús para reflexionar e sabelo todo sobre os tigres de Bengala.

O coñecemento da realidade que se adquire a través da experiencia é tan importante como a sabedoría que proporcionan os libros. É a principal lección que recibe o vello erudito que protagoniza «Panthera tigris», unha historia contemporánea con apariencia de conto antigo que combina ficción e información, humor e aventura. Tras documentarse a fondo sobre os tigres de Bengala, decide viaxar á selva india para, coa axuda dun mozo da rexión, atopar o feroz animal. Durante a expedición, por máis que o seu acompañante intenta advertilo, é interrompido pola verborrea do profesor alardeando do aprendido sobre esta especie. Ante a aparición da besta, a oportuna reacción do experto guía nada ten que ver coa do torpe visitante, incapaz de aplicar cantos estudos acumulara. Porque, abofé, a formación teórica non garante ser un verdadeiro especialista nunha materia…

O texto de Sylvain Alzial, baseado nas ensinanzas do mestre bengalí Swami Prajnanpad (1891-1974), vai intensificándose en emoción, ironía e diversión a medida que avanza o relato. As ilustracións de Hélène Rajcak contribúen a ese xogo entre teoría —con detallistas láminas en branco e negro ao estilo dos gravados científicos— e práctica —con imaxes dunha xungla mesta, misteriosa e de cores flúor— nas que sobresae a presenza impoñente e ameazante do tigre desafiando, co seu dinamismo, os límites do propio libro.
Leer más
Leer menos
17,00 €

Otros idiomas: