Non hai berce coma o colo

Un libro-disco de arrolos tradicionais, xoias melódicas do noso patrimonio oral e musical recreadas por destacados intérpretes. Cómpre conservar esta riqueza e seguir adurmiñando os meniños con estes cantos de berce procedentes de puntos diversos da xeografía galega.

Unha voz murmuradora, unha melodía suave e o movemento acompasado foron dende tempo inmemorial a receita coa que adormecían os meniños, especialmente sensibles para captar esas sonoridades e abaneos envoltos de afectividade. O remedio aos medos, aos desacougos e aos choros está na tenrura destes cantos de berce, auténtica poesía infantil de tradición oral que achega os cativos ao mundo máis próximo, que lles proporciona ritmo prosódico e corporal, que lles transmite unha valiosa bagaxe para o seu crecemento persoal. A riqueza deste patrimonio -que en Galicia conta con auténticas alfaias melódicas da tradición oral e musical- non debe caer no esquecemento. O proxecto dirixido por Magoia Bodega e Paulo Nogueira, coa colaboración de destacados músicos e intérpretes, persegue que estes arrolos sigan cantándose nos fogares.

As 15 pezas seleccionadas no libro-disco «Non hai berce coma o colo» -concibido como un agasallo para os bebés- conforman unha viaxe musical pola xeografía galega, dende Viveiro a Domaio, pasando por Ribeira de Piquín. Letras tradicionais, música e imaxe transpórtannos tamén a outro territorio imprescindible: o da memoria.

Mariona Cabassa ilustra cada canto con escenas de intenso colorido, nas que destaca o protagonismo da natureza e da familia, na súa diversidade.
Leer más
Leer menos
20,00 €