Val tan doce e sombrío

Un libro pola memoria, nado por e para unha nai que cegou dúas veces; unha polo glaucoma, e a outra polo cruel esquecemento.

Ilustración de cuberta: Alfonso Costa

Poeta da emoción, Francisco X. Fernández Naval tece neste libro unha fermosa e conmovedora homenaxe á súa nai, que perdeu a visión a consecuencia do glaucoma, e que perdeu a memoria pola enfermidade de Alzheimer. Unha dobre cegueira sobre a que o autor artella un discurso humano, emotivo e honesto, que tanto transita polos espazos habitados —con múltiples referencias á natureza do medio rural— como polos recordos compartidos ou recreados. O camiño que arrancou nunha vaga epifanía inicial, vai medrando arredor da libre e disciplinada asociación das palabras, ganduxando imaxes e metáforas, e someténdose nun incógnito azar ás imposicións do ritmo.

O resultado é un encontro coa verdade dunha doenza cruel, que azouta non só a quen a padece, senón tamén a quen asiste como testemuña impotente —entre a culpa e o remorso— ao deterioro físico e mental da figura materna. Velaquí, pois, un acto de amor devido en palabras de fondo lirismo; un chanzo no proceso de dó que revive a nostalxia da lucidez, sen ocultar a dureza dos raptos de ira e desconcerto nos que se debate este mal. 

«Val tan doce e sombrío», que toma o título dun poema da autora asturiana Olvido García Valdés baseado nun cadro de Arshile Gorky, é unha obra a favor da lembranza conmovida, nado por e para Pepita que, malia a escuridade dos seus ollos e do esquecemento, nunca perdeu nin a tenrura nin a luz. Versos cheos de sensibilidade e delicadeza nos que, como escribiu Eva Veiga, “cada sombra é unha escada no corazón da luz”.

Leer más
Leer menos
15,00 €