Titiricircus
Esta obra de teatro de monicreques é unha homenaxe ao circo, que fixo vibrar a moitas xeracións de nenos e nenas. Dende hai 40 anos, Tanxarina fai posible ese mundo de soños representando funcións de vila en vila.
A compañía de teatro de títeres Tanxarina cumpriu 40 anos sendo un emblema da cultura escénica do país. «Titiricircus» é o seu espectáculo máis recoñecido para público infantil e familiar; unha función “todoterreo”, como o propio grupo a define, con milleiros de actuacións, que a converten na obra máis representada en Galicia. Este libro é a extensión impresa da homenaxe ao circo de gran formato que Tanxarina recrea, en clave nostálxica e festiva, sobre os escenarios. Conta a historia de dous traballadores desa fábrica de soños e ilusións que lembran, cos seus monicreques de fíos, os éxitos do pasado na pista circular de area.
Interactuando co público, estes veteranos artistas circenses van presentando os números máis importantes e irrepetibles que ofrecía aquel circo, xa desaparecido: o home máis forte da Península Ibérica, o encantador da serpe Josefina, o malabarista máis bailarín e o equilibrista do monociclo.
A proposta plástica de Pablo ‘Pastor’ combina varias técnicas -collage, fotomontaxe, debuxo- e estilos: mestura siluetas planas, figuras con volume, imaxes antigas e actuais cheas de colorido, ofrecendo un resultado pop moi moderno e vistoso. As ilustracións amosan unha visión global do teatro entre bambolinas: o proceso de produción dos monicreques, as viaxes da compañía dunha vila a outra, a posta en escena e as interioridades dunha actuación.