Pazo da Peregrina, en Ames, punto de encontro de PALABRAS NO AR

A quinta etapa da Campaña de Animación Lingüística PALABRAS NO AR, que realiza KALANDRAKA, comeza hoxe en Ames. Esta iniciativa, que se enmarca no programa ‘Bocaberta’ da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, achegará sesións de contos e música, obradoiros de oralidade e de escrita creativa, para escolares de tres a once anos de idade. As actividades celebraranse no Pazo da Peregrina ata o 16 de outubro e participarán máis de 800 escolares pertencentes aos CEIP Bispo Guerra Campos, Agro do Muiño, Barouta e Ventín, a Escola de Educación Infantil de Milladoiro e os centros unitarios de Ames, Ortoño, Bugallido, Agrón e Covas.

A evolución das actividades poderase seguir diariamente a través da web www.palabrasnoar.org. Como principal novidade, destacan os programas radiofónicos que se emitirán a través de Ames Radio, nos que os protagonistas destes espazos son os alumnos e alumnas exercitando o uso da lingua galega. As emisións correspondentes a esta etapa da campaña realizaranse na semana do luns 26 ao venres 30 de outubro na frecuencia de Ames Radio, no 107.2 da Frecuencia Modulada. Tamén se poderán escoitar a través da páxina en Internet de PALABRAS NO AR e da programación conxunta da Rede de Emisoras Municipais de Galicia (Radiofusión). Ademais, e como recordo da súa participación, os escolares recibirán de agasallo un CD cos programas de radio emitidos.

Sesión de contos e música na anterior etapa de PALABRAS NO AR celebrada en Allariz

PALABRAS NO AR é a continuación de “Cantar e contar: ler na nosa lingua”, a campaña coa que KALANDRAKA xa viña apostando pola recuperación do folclore infantil galego. Esta segunda parte segue afondando na riqueza da nosa tradición oral, mais representa un avance ao estimular aos nenos e as nenas para que se expresen en galego, tanto de xeito oral como por escrito, á vez que se asocia o idioma coas novas tecnoloxías da información e da comunicación.

As sesións de contacontos -que se acompañan coa interpretación de música tradicional a base de instrumentos como a frauta, a pandeireta ou o clarinete- están dirixidas a escolares de tres a sete anos, das escolas de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria. Para os nenos e nenas de oito e nove anos das aulas de 2º ciclo de Primaria, deseñáronse obradoiros de oralidade, nos que se practican estratexias lúdicas a partir da lectura e da literatura, para fomentar o uso do galego como medio de expresión. Os rapaces e rapazas de dez e once anos que estudan 3º ciclo de Primaria participan en talleres de escrita creativa nos que, tamén a partir dos contos, se lles fan propostas de redacción en galego que favorecen o desenvolvemento da súa imaxinación.

obradoiros de oralidade e de escrita na anterior etapa de PALABRAS NO AR celebrada en Allariz

Os centros que participan na campaña PALABRAS NO AR van recibir un lote de libros do catálogo de KALANDRAKA e FAKTORÍA K composto polos seguintes títulos: "Paco", "Orellas de bolboreta", "Pequechos das montañas", "Un dous tres que ves?", "O poliño da abeleira", "Avós", "A banda de Vilacendoi", "Sopa de soño", "Batalla de naipes" e "Galego á beira do mar".

PALABRAS NO AR comezou o pasado mes de xuño en Fene e seguiu en Monforte, Santiago de Compostela e Allariz. Ata final de ano as actividades continuarán en A Estrada, Redondela, Culleredo e Cambados. En conxunto, a campaña vai chegar a uns 7.000 escolares de Educación Infantil e Primaria dos nove concellos.