LIBROS PARA SOÑAR organiza mañá venres, a partir das 18:30 horas, a primeira sesión infantil de contacontos da nova tempada, co lema Contos do mundo. Trala paréntese estival, a libraría especializada do Casco Vello retoma as actividades de animación á lectura que, nesta ocasión, estarán protagonizadas por libros de procedencia asiática, latinoamericana e doutras latitudes exóticas. Entre os títulos que formarán parte do repertorio destacan “O Rei Oso Branco e outros contos marabillosos”, de Tim Bowley e Óscar Villán, e “O nacemento do dragón”, de Wang Fei, Marie Sellier e Catherine Louis, editados en KALANDRAKA e FAKTORÍA K, respectivamente.

A partir do mércores da próxima semana, 20 de outubro, tamén se recupera o programa especial de sesións de contos para prelectores de cero a tres anos. Esta actividade quincenal, de prazas limitadas, comezará a partir das 17:30 horas e terá unha duración aproximada de 30 minutos. Os encontros baséanse nos recursos da tradición oral, rimas e cancións asequibles nesas idades, primando o factor visual e a expresión corporal. Os pais e nais reciben información sobre os materiais máis axeitados para achegar os cativos ao libro e á lectura dende a nenez temperá.

Nos meses de novembro e decembro impartiranse senllos cursos para adultos, especialmente vencellados á docencia, á formación do profesorado, á animación lectora e ao mundo do libro en xeral. A profesora de Arte Dramática e actriz de dobraxe Nuria Montero Gullón ofrecerá un curso de técnica vocal os días 16, 18, 23, 25, 30 de novembro e 2 de decembro, de 17:00 a 20:00 horas. Nestas sesións, de carácter práctico, faranse exercicios de quecemento, respiración, proxección e articulación. Tamén se orientará aos participantes en técnicas de creación a partir do corpo e da voz, traballando con diversos textos de diferentes xéneros narrativos. O prezo do curso é de 60 euros.

Por outra banda, o colectivo de educación e participación socioambiental Feitoría Verde impartirá un curso de iniciación ao teatro-foro. Trátase dunha metodoloxía que converte os espectadores en protagonistas da activos da acción dramática, estimulando a reflexión, polo que está especialmente indicada como ferramenta educativa para a resolución de conflictos na aula, e mellorar as dinámicas asociativas de calquera asociación ou empresa. Celebrarase do 13 al 16 de decembro de 17:30 a 20:00 horas e o prezo da inscrición é de 45 euros.

PROGRAMA DO CURSO DE TÉCNICA VOCAL

PROGRAMA DO CURSO DE TEATRO-FORO

PROGRAMA DE ACTIVIDADES OUTUBRO-DECEMBRO EN LIBROS PARA SOÑAR