'FELIZ IDADE', PREMIO DA CRÍTICA

«Feliz Idade», de Olga Novo, publicado na colección Tambo do selo Faktoría K, de KALANDRAKA, vén de recibir o Premio Nacional da Crítica Española no apartado de Poesía Galega. Este recoñecemento da Asociación Nacional da Crítica Literaria súmase ao Premio Gala do Libro 2020.

 

O eixe de «Feliz Idade» é o ciclo vital que abrangue o tempo dende o nacemento e a nenez da filla da autora ata o declive físico e o pasamento do pai desta, polo que se trata dun poemario cun fondo calado sentimental e emocional. Comeza cunha carta-limiar dirixida á nena sobre a importancia das raíces familiares e da terra de Vilarmao, na localidade lucense da Pobra do Brollón, onde habitaron os seus ancestros, polo que nestes versos tamén teñen moito protagonismo o mundo rural e o seu progresivo abandono.

 

Vidas, persoas e historias son a materia prima deste poemario, que enlaza pasado, presente e futuro a través das distintas xeracións da familia. Tamén se aprecia nel a pegada de voces literarias diversas, dende Rosalía de Castro ou Luís Pimentel, a John Berger, Walt Whitman ou Dylan Thomas. Trátase dunha poesía sinestésica, elaborada dende a madurez biográfica e literaria dunha escritora que reflicte -con autenticidade e paixón- a evolución da vida.

 

Poeta, filóloga e profesora de Ensino Secundario en Monforte, Olga Novo exerceu antano a docencia nas Universidades de Rennes e de Lorient, na Alta e na Baixa Bretaña. Ademais de numerosas colaboracións en revistas e antoloxías, publicou os libros «A teta sobre o sol» (1996), «Nós nus» (1997, Premio Losada Diéguez), «A cousa vermella» (2004) e «Cráter» (2011, Premio da Crítica). Como ensaísta, é autora, entre outros, dos volumes «O lume vital de Claudio Rodríguez Fer» (1999, 2008) e «Uxío Novoneyra. Lingua loaira» (2005, Premio de Investigación Ánxel Fole).