O narrador Boniface Ofogo (Camerún, 1966) vai impartir unha charla titulada “A importancia da oralidade” este mércores 1 de febreiro, a partir das 17:30 horas, na libraría infantil e xuvenil LIBROS PARA SOÑAR de Vigo (r/ Triunfo, 1). Nesta sesión, que está dirixida a público adulto, especialmente docentes, pais e nais, Boni Ofogo vaise basear na súa experiencia persoal para xustificar a necesidade de achegar os nenos e nenas, dende idade temperá, á tradición oral, como piar da súa formación humana e cultural.

Medrou nunha aldea do interior de Camerún, “onde a transmisión oral era a única maneira de acceder a calquera tipo de información ou coñecemento”. Máis tarde, Boni Ofogo accedería á literatura escrita a través dos seus estudos académicos como doutorado en Filoloxía Hispánica, e da súa traxectoria profesional como mediador sociocultural, se ben a “oralidade primaria” na que se educou segue sendo o “principal punto de referencia” no seu traballo de narrador, faceta á que se adica en exclusiva dende 2005.

“Dende neno fun iniciado polo meu pai na arte da palabra oral”, explica Boni Ofogo, que acudía ás “xuntanzas dos avós”, nas que aprendeu “a escoitar e a manexar a arte da oratoria”. Foi neses encontros onde se lle inculcou a importancia de “venerar as persoas maiores, porque son depositarias dunha sabedoría milenaria”.

Boni Ofogo é autor de dous libros: “Una vida de cuento”, editado polo Ministerio de Educación, e o álbum infantil “O león Kandinga”, publicado por KALANDRAKA, que se basea nun conto tradicional camerunés. Esta última obra, ilustrada por Elisa Arguilé, foi galardoada en 2009 co Premio da Fundación CJ de Cultura (Corea), obtivo unha mención de honra no Premio Città di Bella (Italia) en 2011, e atópase entre as lecturas recomendadas pola Fundação Nacional do Livro Infantil e Juvenil (Brasil).

A charla teórico-práctica de Boni Ofogo complementarase coa narración de proverbios e contos de tradición oral para público adulto, incluido “O león Kandinga”.