[Fotografía de Jordi Gastó]

"Se che pica un mosquito", con texto de Jordi Gastó, ilustracións de Christian Inaraja e tradución de Xosé Ballesteros, vén de ser distinguido co XVII Premio Frei Martín Sarmiento na categoría de Literatura Infantil. Este certame, organizado polo profesorado de Escolas Católicas, ten como obxectivo o fomento da lectura de libros en galego entre o alumnado desta rede de centros educativos. Uns 3.000 nenos e nenas participan nunha votación para elixir as súas obras preferidas entre as seleccionadas polo equipo docente.

Saltar, facer acenos, xogar e compartir bos momentos son algunhas das curiosas recomendacións que propoñen os autores para aliviar as molestias dunha picadura. Trátase dun divertimento que, a través dunhas simpáticas rimas e unhas ilustracións humorísticas, anima os prelectores e os primeiros lectores a saír da rutina, experimentar novas sensacións, exercitar a imaxinación e fortalecer a amizade.

É o segundo premio que recibe Christian Inaraja en Galicia, despois do XI Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado pola obra "Cándido e os demais".