Na semana do 8 de Marzo, entre os libros a prol da igualdade, cómpre darlle preponderancia a un singular personaxe, xa clásico e imprescindible da Literatura Infantil e Xuvenil: Pippi Mediaslongas.

«Deixar a Pippi en liberdade» significa, entre outras moitas cousas, volver ás súas páxinas por primeira ou por enésima vez, entregarnos á lectura (con nenas e/ou nenos moitísimo mellor) e enchouparnos deses aires de liberdade e dese arrecendo a infancia, a independencia e a autenticidade que caracteriza estes relatos da autora sueca Astrid Lindgren.

  • Icona da diferenza, estímulo de igualdade

Pippi é unha nena que vive na compaña dun mono e dun cabalo, mais sen ningún adulto. É moi alegre e moi dinámica, viste como quere, pensa por si mesma e vai descubrindo o mundo a golpe de aventuras e de aventurarse, sen moito máis control que o que ela mesma se impón. Pippi ten pencas, o pelo roxo con dúas trenzas tesas, usa medias a raias e unhas botas con cordóns de cores diferentes. É unha nena valente e ten unha forza extraordinaria. Poderiamos non parar de describila; o caso é que, fagámolo como o fagamos, digamos o que digamos, non hai dúbida: Pippi está lonxe, moi lonxe do rol de nena vulnerable e fráxil, necesitada de aprobación social, e por iso haina que pór en valor para conmemorar o 8 de Marzo.

[Ilustracións orixinais e restauradas de Ingrid Vang Nyman]

Pippi é fundamentalmente diferente, simbolicamente diferente, e á vez encanta e seduce; unha clave que fixo que millóns de nenas e nenos do mundo a reciban cos brazos abertos. Quizais isto fía coa idea de que o respecto á diversidade e á diferenza en todas as ordes -de raza, de cultura, de xénero, de formas de facer e de sentir- é o único que pode igualarnos.

  • Rescatar a nosa nena

Pippi xa ten 73 anos. É un personaxe literario atemporal e adiantado ao seu tempo. Pippi Mediaslongas publicouse por primeira vez en 1945, con non poucas dificultades e rexeitamento por parte das editoriais. Astrid Lindgren sempre asegurou que malia que fose unha historia que escribira como agasallo para a súa filla no seu décimo cumpreanos, ela non se inspirou na rapaza, senón na nena que aínda habitaba nela mesma. Non cabe dúbida de que conseguíu rescatala. Ela estaba convencida de que o éxito de Pippi radicaba precisamente en que era unha nena, posto que o personaxe chocaba moito máis cos roles de xénero estereotipados que se tivera elixido un neno.

Está claro que en máis dunha ocasión e por máis dun motivo, a figura de Pippi Mediaslongas tece un fío de conexión coa esencia natural de nenas e nenos. Dalgún xeito, rescátaos, ponos en valor representando unha liberación para ambos. Tamén o vemos cando -como se fose Peter Pan- Pippi non quere medrar. Ela sabe da importancia de ser unha nena e do que perderá cando deixe de selo.

  • Derrubando tópicos na Literatura Infantil e Xuvenil

“Un libro para nenos pode conter episodios que resultan divertidos tanto para nenos como para para adultos. Tamén se poden escribir cousas que os adultos non entenden, que van dirixidas exclusivamente aos nenos. Pero os acenos ao mundo adulto por riba da cabeza dos nenos están totalmente prohibidos, son unha aldraxe para os pequenos lectores".

[Astrid Lindgren, entrevistada por Isabel Carvajal: Revista CLIJ nº31, Setembro 1991]

Con declaracións coma esta, non pode estrañar que creara personaxes tan fondamente vencellados ao mundo infantil. A lectura de Pippi Mediaslongas abre fiestras e deixa entrar aire e frescura. Tamén abre portas, as da intriga, porque non se sabe nunca que pensa Pippi nin como actuará e iso fai que queiramos seguir lendo.

Pola contra, a cotío podemos atopar preocupacións por parte do mundo adulto con respecto á literatura entendida como ensinanza y así pénsase -algúns con pesadume, outros con ánimo- que nenas e nenos reproducirán os roles que están escritos. E se son as nenas as que poden reproducilos, a preocupación aumenta. Pero o certo, e iso sábeno as lectoras e os lectores, é que a literatura é pracer e un fin en si mesma. Por iso e ante as ameazas da non publicación das súas obras, Astrid Lindgren afirmaba:

“Los niños no imitan a Pippi. Saben que ela es única”.

[Astrid Lindgren, entrevistada por Isabel Carvajal: Revista CLIJ nº31, Setembro 1991]

Pippi pertence ao mundo da ficción, non anima as nenas e os nenos a ser coma ela, senón que vai máis aló. De aí que o título escollido para este artigo -Deixar a Pippi en liberdade- é permitir lela, sentila; porque tamén así se deixa que as nenas e os nenos sintan as súas propias diferenzas sen ser xulgados socialmente por iso.

 

Artigo de Lola Gallardo, pedagoga e especialista en Literatura Infantil e Xuvenil. Libraría Rayuela de Sevilla.