'BRINCA VAI!', PRESENTACIÓNS EN OURENSE, FERROL E OUTRAS CIDADES GALEGAS
As Feiras do Libro de Ourense e de Ferrol acollen os próximos concertos de "Brinca Vai!", con Paco Nogueiras como músico e intérprete da escolma de cancións que pequenos e maiores cantan, bailan e brincan.
Dende o seu debut en Lugo, Paco Nogueiras vén percorrendo as principais cidades galegas cun espectáculo que combina voz e música en directo, humor e participación do público.
As cancións de "Brinca Vai!" tamén amenizaron a Romaría Popular organizada polo CEIP Ana María Diéguez, en Asados (Rianxo).
Libros para Soñar encheuse de público, que aplaudiu cada momento do espectáculo, no que non faltou o "bis". Na sala de exposicións da libraría pódense ver durante este mes de xuño as ilustracións de David Pintor para este libro-disco.
Tamén en Vigo, "Brinca Vai!" presentouse na Feira do Libro, onde Paco Nogueiras asinou moitos exemplares do seu libro-disco.
"Brinca Vai!" tamén se presentou na Galería Sargadelos de Santiago, con motivo da clausura da XIV Campaña de Animación á Lectura. Neste concerto, ademais de Paco Nogueiras, tamén participaron o ilustrador David Pintor e o director dos vídeos musicais incluídos no DVD, José Miguel Sagüillo, que completou a posta en escena cunha proxección de imaxes en directo do espectáculo e fragmentos dos videoclips das cancións.