Os artistas Vicente Blanco e Salvador Cidrás, formados na Facultade de Belas Artes de Pontevedra e que traballan como profesores de Expresión Plástica na Facultade de Formación de Profesorado de Lugo, presentan este domingo en Culturgal, ás 12:30 horas, o seu primeiro libro conxunto, «Educar a través da arte», publicado na colección Biblioteca de Pedagoxía de KALANDRAKA.

Na súa elaboración contaron coa colaboración da mestra de Educación Infantil Rocío Modia, que tamén os acompañará na presentación, canda o catedrático de Historia da Educación na Universidade de Santiago e director da colección, Antón Costa. Dirixido a profesorado de Educación Infantil, Primaria e Secundaria, tanto en activo como futuros docentes, «Educar a través da arte»  aborda a arte como acción creadora.

A partir da creación artística, os autores desenvolven un modelo de traballo para iniciar verdadeiros cambios educativos baseados no desenvolvemento de procesos persoais que foxen das respostas estereotipadas e convencionais. Este libro anima a abandonar métodos “directivos” en favor de alternativas que poñan en valor a diversidade e a diferenza.

Fronte ás actividades pechadas e estáticas que desdeñan a experiencia cotiá, o diálogo e o sentido crítico, as propostas de Vicente Blanco e Salvador Cidrás -promotores do grupo de innovación educativa Escola Imaxinada- favorecen a creación persoal dos estudantes e potencian a súa capacidade para transformar o mundo a través de infinidade de formas de expresión, técnicas e materiais.

OUTRAS ACTIVIDADES

As actividades de KALANDRAKA en Culturgal completaranse o sábado ás 16:45 horas cun encontro arredor da colección Makakiños de contos adaptados ao sistema de pictogramas, coa participación de Mónica Santos e Marcial Domínguez, da AsociaciónBATA, e con Alicia Súarez e Marc Taeger, ilustradores dos libros «Nicolás cociña sen lume» e «A verdadeira historia de Carapuchiña Vermella», respectivamente.

BATA vén de celebrar o seu 30º aniversario traballando no tratamento especializado do autismo e no apoio ás familias; a esta efeméride súmase que se cumpren 15 anos da publicación dos primeiros títulos da colección Makakiños, sendo daquela unha iniciativa pioneira dirixida ás persoas con necesidades de apoio educativo.

Ademais, a piques de que comecen en Suecia os actos conmemorativos do 75º aniversario da publicación de «Pippi Mediaslongas», de Astrid Lindgren, o seu tradutor, David A. Álvarez, participará nun faladoiro -o sábado ás 17:30 horas- sobre este clásico da literatura infantil. Con «Pippi Mediaslongas embarca» e «Pippi Mediaslongas nos Mares do Sur» completouse a triloxía en galego, que conta coas ilustracións orixinais e restauradas de Ingrid Vang Nyman.

Por outra banda, o stand de KALANDRAKA (nº 50-51-52) recibirá o sábado a visita de autores e ilustradores que asinarán exemplares das súas obras: ás 12:30 horas, o artista Pablo Otero, autor de «Parece unha formiga»; ás 18:00 horas o Grupo Chévere, que asinará exemplares de «Eroski Paraíso» e unha hora despois presentará a versión cinematográfica desta montaxe teatral.

Os autores invitados o domingo serán Chema Heras e Kiko da Silva ás 12:30 horas, que asinarán exemplares de «Cando Martiño tivo ganas de mexar na noite de Reis»; ás 17:30 horas Xosé Manuel González 'Oli', autor de «Os ratos da casa» e «Ratos de viaxe»; e Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, que dedicará exemplares do poemario «Versos e viceversos» a partir das 18:30 horas.