A Concellería de Educación de Pontevedra e KALANDRAKA van pór en marcha do 3 ao 7 de maio a Campaña de Animación á Lectura “O Cartafol do Lérez”, dirixida a escolares de 10 e 11 anos de idade pertencentes ao 3º ciclo de Educación Primaria dos centros públicos do municipio. Entre as actividades que se desenvolverán destaca a edición dun xornal impreso co nome da campaña, que terá tamén versión dixital en Internet, cuxos contidos van ser os traballos que realicen os alumnos e alumnas nos obradoiros propostos, de escrita creativa, de creación poética e de oralidade.

Na primeira semana de maio farase un adianto da campaña -que terá continuidade a partir do vindeiro curso- para uns 400 escolares dos CEIP de Barcelos, Vilaverde-Mourente, Cabanas-Salcedo, Manuel Vidal Portela, San Bieito de Lérez, San Martiño-Salcedo e Froebel. Cando se completen os 60 obradoiros previstos en total, terán participado nas actividades uns 1.500 nenos e nenas. Nesta primeira fase tamén está previsto editar, entre finais de maio e principios de xuño, o primeiro dos tres números do xornal “O Cartafol do Lérez”, cunha tiraxe de 2.000 exemplares cada un; en total, 6.000 exemplares que se distribuirán entre toda a comunidade escolar de Educación Infantil e Primaria.

As actividades programadas van xirar arredor das bibliotecas escolares dos centros, posto que un dos obxectivos de “O Cartafol do Lérez” é pór en valor estes espazos como elementos vertebradores da actividade educativa. A campaña tamén pretende achegar o libro e a lectura en galego aos máis novos, favorecer o desenvolvemento da súa creatividade e imaxinación, inculcarlles a importancia das producións plásticas e literarias como ben cultural, e potenciar o xornal escolar como ferramenta didáctica e medio de expresión.

“Queremos que a nosa actividade sume ás actividades que xa se estean desenvolvendo nos propios centros”, explicou o responsable de proxectos de animación lectora de KALANDRAKA, Xosé Pérez. Así, as propostas didácticas van estar “contextualizadas” de xeito que “antes de planificar a nosa estratexia visitamos todos os centros que participan neste programa piloto” para saber en qué temas están traballando co alumnado.

O concelleiro de Educación de Pontevedra, Xulio Castela, augurou que este “programa innovador” vai ter unha “moi boa acollida”, polo que animou o alumnado a achegarse á lectura tanto na escola como no fogar. Pola súa parte, o director de KALANDRAKA, Xosé Ballesteros destacou a importancia de dinamizar as bibliotecas escolares e amosouse “satisfeito de que así o entenda a Concellería de Educación”. Ante os baixos índices de lectura en Galicia, Ballesteros apelou ao papel “fundamental” das familias e das escolas -coas súas respectivas bibliotecas- para invertir esa tendencia.

A publicación de “O Cartafol do Lérez”, tanto no seu formato impreso como no dixital, será o escaparate colectivo no que se reflictan as creacións dos alumnos e alumnas de todos os centros participantes na campaña, e servirá para visibilizar o seu esforzo e o recoñecemento público polo traballo realizado. Os seus contidos irán dende entrevistas aos autores e ilustradores que visiten os centros escolares, ata artigos sobre o patrimonio histórico da cidade, pasando por traballos sobre tradición oral, entre outras seccións. O blog de “O Cartafol do Lérez” permitirá que esa bagaxe creativa trascenda e sexa compartida, a través da rede, co conxunto da comunidade e das bibliotecas escolares dos centros, coas familias e coa sociedade pontevedresa en xeral.

Varios libros do catálogo de KALANDRAKA serán a base a partir da cal se concreten as propostas de creación plástica e literaria. Precisamente, cada unha das escolas que participe recibirá un lote de 20 títulos destinado ás bibliotecas escolares e de aula, que permitirán que as actividades da campaña trascendan máis aló do calendario da propia actividade. Entre eles destacan a “Gramática da fantasía” de Gianni Rodari, “un dos grandes precursores da escrita creativa”, como o definiu Ballesteros, e obras doutros autores como o galego Juan Farias, o uruguaio Eduardo Galeano e o italiano Roberto Innocenti.

“KALANDRAKA está moi satisfeita por ter a oportunidade de volver facer actividades de animación á lectura e á escrita en Pontevedra”, explicou Xosé Ballesteros, argumentando que KALANDRAKA é unha empresa de Pontevedra “que iniciou as súas primeiras actividades de animación á lectura precisamente nesta cidade, como non podía ser doutra maneira”. Á parte da súa dinámica editorial continua, o director sinalou que vén de crearse dentro da estrutura deste selo, unha entidade paralela -Libros para Soñar- encargada de organizar campañas de dinamización lectora “non só en Galicia, senón tamén máis aló”.