A Asociación BATA vén de celebrar en Vilagarcía os seus 30 anos de proveitosa traxectoria cunha gala presentada polas propias rapazas e rapaces que reciben atención nesta entidade especializada no tratamento do autismo e no apoio ás familias. Un aniversario no que estiveron arroupados por invitados de prestixio como o científico Ángel Carracedo, Catedrático de Medicina Legal e experto internacional en xenética; e especialistas como Luis Simarro, doutor en Psicoloxía e un dos responsables da Asociación Aleph-TEA.

Especialmente emocionantes foron as intervencións dos propios usuario de BATA, contando as súas experiencias: dende Mario Seoane, que actualmente cursa 2º de Pedagoxía, ata Belén García, que chegou á Asociación con tan só 7 anos e agora é unha muller adulta que desenvolve unha vida plena a nivel laboral e persoal gozando das súas afeccións na compaña das súas amizades, como explicou a súa nai, Teresa Sierra.

“30 anos imaxinando futuros”, como lembrou o presidente de BATA, Mario Trigo, parafraseando o lema deste aniversario coa confianza de acadar novos retos no futuro. A esa ilusión sumáronse tamén, a través da proxección de varios vídeos, dende Autismo España e familiares de nenas e nenos con autismo.

O encontro finalizou coa entrega dos Premios Patacón aos voluntarios e voluntarias de BATA e, con carácter conmemorativo, a KALANDRAKA, ao cumprirse 15 anos da publicación dos primeiros títulos da colección Makakiños, sendo daquela una iniciativa pioneira.  15 anos de “sinerxia construtiva” que ata o momento deron como froito nove libros de fácil lectura co sistema de pictogramas: cinco adaptacións de contos tradicionais, unha obra de autor e dous títulos na serie ‘Día a día’, aos que se acaban de incorporar os primeiros Makakiños en galego.

A crónica de KALANDRAKA TV dedicada a BATA dá conta do importante labor social que realiza esta entidade.