Un ano máis, KALANDRAKA pon en marcha a súa campaña de animación á lectura nas escolas que, nesta 13ª edición, vai chegar a máis de 200 centros de toda Galicia. Trátase dunha campaña aberta e susceptible de incorporar, ata o final do curso, máis colexios interesados no programa das sesións de contos e música, que están dirixidas ao alumnado de Educación Infantil e 1º ciclo de Educación Primaria. O repertorio abarca a narración tanto de contos tradicionais como de relatos de autor acordes á idade do público, cun acompañamento musical a base de melodías compostas especialmente para cada historia. Empréganse instrumentos autóctonos e outros procedentes doutras culturas, axudando así a reforzar a educación dos nenos e das nenas nesta materia.

As campañas de animación á lectura de KALANDRAKA xurdiron como unha actividade propia que complementaba o seu labor editorial en galego, iniciado en 1998. Axiña se converteron nun dos seus sinais de identidade, contribuíndo paralelamente á normalización da lingua dende as primeiras idades. O protagonismo das sesións de contos e música céntrase no libro, como ferramenta de aprendizaxe, de e de transmisión da cultura. Outro dos obxectivos da campaña é poñer en valor a biblioteca escolar como espazo para o encontro arredor da palabra e da oralidade, enlazando o público infantil e os libros, coa música como elemento dinamizador.

Patricia González e Álex Fente son dous dos integrantes do equipo de animación á lectura de KALANDRAKA. A súa chegada ás escolas vén precedida dunha carta na que invitan aos nenos e nenas a prepararse para facer con eles “unha viaxe fantástica, chea de música e de palabras, para a que non precisaremos nin coches, nin barcos, nin avións; tan só a imaxinación”.

Para os escolares do CEIP San Xosé Obreiro de Meicende, en Arteixo, esa viaxe fantástica comezou con “A familia C”, un álbum ilustrado co que Pep Bruno e Mariona Cabassa gañaron o III Premio Internacional Compostela. A maxia, os malabarismos e a diversión propia do ambiente circense conquista a atención de todos os cativos.

Entre a música do acordeón e o son dos chiflos, ao ritmo das palmas, descobren a outro misterioso personaxe: o “Mago Goma”, do que o escritor Toño Núñez fai unha divertida descrición en verso. Un ilusionista que é feliz vendo os nenos felices.

Pero tamén Álex tamén fai maxia, porque do seu acordeón sae o rumor dun vento especial, porque nos desvela aspectos descoñecidos dos instrumentos que toca, porque nun abrir e pechar de ollos é quen de transportarnos dende o circo ata a sabana, onde vive un amigo do autor e ilustrador Antonio Santos: o elefante "Pancho", do que Patricia nos conta as súas aventuras.

A sesión remata co bulicio da pandeireta e cunha cantiga que nos enche de enerxía para seguir soñando cos contos. Patricia e Álex despiden os nenos, que non resisten a tentación -convertida xa case nun ritual- de despedirse tamén do acordeón, tocando as súas teclas.

...E segue o camiño da campaña de animación á lectura: noutra escola, noutra biblioteca, con outros raparigos, con outros educadores, que tamén arelan sentir a brisa fresca e a raiola tépeda dos Libros para Soñar de Kalandraka.

(Reportaxe fotográfica: Xosé Pérez, de Kalandraka).