“A Vitamina N é a que nos fortalece cada vez que estamos suficiente tempo en contacto coa natureza”

A Torre”, de Antonio Sandoval, é unha nova aproximación á Torre de Hércules e á súa contorna dende unha visión polisémica do monumento e do territorio circundante. A partir dun paseo, o autor foi recollendo descricións da natureza, sensacións, relatos históricos e míticos, reflexións de actualidade e ideas sobre como cambiar o xeito no que a especie humana se relaciona coa biodiversidade.

Antonio Sandoval debullará as súas propostas na presentación da obra, este xoves ás 19:30 horas na libraría Moito Conto (San Andrés, 35) da Coruña. Canda el participarán a directora da Torre de Hércules, Ana Santorum, e o director de KALANDRAKA, Xosé Ballesteros, que introducirá “A Torre” no marco da nova colección Vitamina N de lecturas sobre a natureza.

En “A Torre”, o protagonismo do mar, xunto coa importancia da flora e da fauna nun espazo xeográfico senlleiro, complétanse con narracións sobre feitos históricos que tiveron alí o seu escenario. O autor tamén analiza cuestións de actualidade arredor do mundo dixital, do impacto das redes sociais ou da crise de valores. Relatos que teñen o monumento da Torre de Hércules -Patrimonio da Humanidade dende 2009- como fío condutor, na súa condición de faro, referente arquitectónico da antigüidade e icona social contemporánea.

LECTURAS AO NATURAL

“Somos natureza, criaturas naturais”, sostén Antonio Sandoval, coordinador de Vitamina N, de aí a urxencia de restaurar e reconstruír os equilibrios ecolóxicos que hoxe en día están rotos ou en serio perigo de conservación. Estas “Lecturas ao Natural” -lema da colección- pretenden celebrar o mundo natural e invitar á reflexión sobre a necesaria protección da biodiversidade, coa literatura como plataforma para impulsar os oportunos cambios de actitude.

Partindo do concepto de “Transtorno por déficit de natureza”, desenvolvido polo escritor Ricard Louv para explicar as doenzas físicas, sensoriais, emocionais e culturais motivadas polo desapego do medio natural, Vitamina N aspira a combater esas alteracións motivando as lectoras e os lectores a recobrar o contacto coa biodiversidade, a comprendela, admirala e respectala dun modo consciente, san e construtivo, activando “un compromiso persoal e social cada vez maior coa súa conservación e recuperación”, explica Sandoval.

“Motivar a través da literatura a persoas de todas as idades para recobrar e manter un contacto consciente, san e construtivo coa biodiversidade”

Despois de “A Torre”, a colección continuará con “Corredoira”, de Robert Macfarlane. Xesús Fraga realizou a tradución ao galego de ambos títulos, que contan coa proposta gráfica do ilustrador Adrià Fruitós. Son libros impresos en papel procedente de bosques e plantacións xestionados con estándares que garanten a explotación sostible dos recursos. As Lecturas ao Natural de Vitamina N cumpren así cos requisitos ambientais e sociais recollidos no proxecto «Libros amigos dos bosques».

Antonio Sandoval é escritor, comunicador ambiental e ornitólogo. Entre os seus libros figuran “¿Para qué sirven las aves?”, “Las aves marinas de Estaca de Bares. Un diario personal”, “BirdFlyway. Un viaje en familia por la Ruta de las Aves” ou "A árbore da escola". Colabora con diversos medios de comunicación e revistas científicas. Ten participado en proxectos de comunicación e educación ambiental, interpretación do patrimonio e turismo de natureza. Está vencellado a organizacións de estudo e conservación do medio natural, e forma parte do Instituto Xosé Cornide de Estudios Coruñeses.