PRESENTACIÓN HISTÓRICA CON JOSEBA SARRIONANDIA

O escritor Joseba Sarrionandia presentou o seu novo libro, “Unha volta ao mundo” na Libraría Cartabón de Vigo, na compaña do director de KALANDRAKA, Xosé Ballesteros. Por primera vez en Galicia, o autor vasco compartiu as súas reflexións sobre algúns aspectos que aborda nesta obra: as relacións de poder, as desigualdades, as diferenzas culturais, o concepto da propiedade, a memoria histórica, o colonialismo e o sometemento das poboación indíxenas, o papel da Igrexa no reparto do mundo…

Ilustrado polo artista cubano Arístides Hernández Ares e traducido ao galego por Isaac Xubín, “Unha volta ao mundo” presenta unha visión crítica sobre una parte da Historia moderna relacionada coas expedicións marítimas, a apertura de rutas comerciais e a colonización, centrándose no periplo capitaneado en 1519 polo explorador portugués Fernão de Magalhães que finalizou en 1522 ao mando do vasco Juan Sebastián Elcano, tras completar a primeira circunnavegación da Terra. Lonxe da mitificación e da épica desta era dos descubrimentos como grandes aventuras protagonizadas por personaxes heroicos, o autor revela aspectos incómodos que apenas se recollen nos libros de historia convencionais.

Neste encontro histórico -que coincidiu coa celebración do Día da Poesía- tamén participou o músico Ruper Ordorika, poñéndolle voz e melodía aos versos de Joseba Sarrionandia recollidos nas antoloxías «Tempo de exilio» e «Alén da fronteira», ambas as dúas pertencentes á colección Tambo.