O ilustrador Pablo Otero estivo impartindo esta semana os obradoiros de gráfica creativa dirixidos aos escolares de 1º ciclo da ESO do IES de Arzúa e do CPR Nosa Señora do Rosario, que hoxe rematan a súa participación na campaña “Palabras no ar” de KALANDRAKA, no marco do programa de animación lingüística Bocaberta, da Secretaría Xeral de Política Lingüística. A partir dunha reflexión inicial sobre a nosa lingua e da idea de colectividade, os alumnos e alumnas traballaron arredor da identidade persoal empregando unha fotografía de si mesmos, sobre a que debuxaron, colorearon, recortaron e aplicaron diversos elementos decorativos, para representar unha palabra galega escollida por eles. Polos cinco talleres de gráfica creativa que se impartiron na Biblioteca Municipal de Arzúa, pasaron preto dun centenar de escolares dos aproximadamente 250 aos que chega “Palabras no ar” no seu conxunto nesta localidade. A campaña compleméntase con obradoiros de oralidade e de escrita e, ademais, co material sonoro, literario e artístico que elaboren os alumnos, vanse crear os contidos do blog www.palabrasnoar.org e unha serie de programas de radio que se emitirán na emisora local.