Os centros educativos de Pontevedra retoman este mércores 13 de outubro a súa participación na campaña de animación lectora O Cartafol do Lérez. Ata o venres 22, uns 600 escolares de 5º e 6º de Primaria dos CEIP Marcos da Portela (Monte Porreiro), Manuel Vidal Portela, Vilaverde (Mourente), Cabanas (Salcedo), Froébel, San Bieito de Lérez, Xeve e Marcón traballarán nun total de 24 obradoiros de escrita creativa. Co material resultante publicarase unha nova entrega do xornal escolar O Cartafol do Lérez, de cuxo primeiro número editáronse 2.000 exemplares. Os traballos dos alumnos e alumnas tamén se poderán consultar na páxina de Internet www.ocartafoldolerez.org. Haberá outra fase de “O Cartafol do Lérez” para o vindeiro mes de maio, coa publicación impresa dun terceiro número do xornal escolar. A campaña no seu conxunto deseñouse para realizar uns 60 obradoiros nos que participen arredor de 1.500 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 10 e 11 anos.