A entrega do Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado sempre foi unha festa. Dende aquel primeiro acto institucional en outubro de 2008, Xosé Manuel Rodríguez-Abella viña ocupando aquel atril, cunha elegancia e solemnidade que engrandecían o libro que se presentaba ao mundo. “A horta de Simón” foi a obra galardoada na décima edición na que el alcanzou a participar como xurado do certame; uns meses despois, o atril dende o que viña arroupando a obra recén publicada, en presenza dos seus autores, mudaba de porte e de voz. O Xefe do Departamento de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago afrontaba outro dictame ben distinto. Tamén nesta última Campaña Municipal de Animación á Lectura que el impulsara hai 18 anos sentíase coma unha lousa a ausencia de quen contribuía a aglutinar as inquedanzas e os intereses dos docentes e das familias que grazas ao seu labor teñen nesta iniciativa un referente de calidade en materia de promoción do libro infantil en galego, de formación continua do profesorado, de posta en valor da ilustración e da arte, da escrita creativa como fiestra de expansión do maxín para os milleiros de nenas e nenos que cada ano visitaban as salas transformadas nun pequeno museo.

A Campaña de Animación á Lectura e o Premio Compostela han seguir sendo unha festa, sempre coa banda sonora da Escola Municipal de Música que Xosé Manuel Rodríguez-Abella tamén contribuíu a forxar. Coa ausencia xa consumada en orfandade, o equipo de KALANDRAKA súmase ao pesar da súa familia e achegados, do persoal do Departamento de Educación e Cidadanía e do Concello de Santiago. Mais non será tópico sentirmos en diante a súa presenza en cada nova fornada do certame de álbum ilustrado, nos acordes que amenicen futuras cerimonias institucionais, nas nenas e nos nenos que crucen o umbral do espazo onde se abran -con asombro, curiosidade e ledicia- ao universo de aventuras e o torrente de emocións que se agochan nas páxinas dos libros.

Ata sempre…