A libraría Moito Conto (Rúa San Andrés, 35) da Coruña acollerá o vindeiro xoves, 18 de xuño, a partir das 19:00 horas, a presentación do libro «O pintor cego», a derradeira obra de Xabier P. DoCampo, con ilustracións de Xosé Cobas. Trátase dun diálogo literario e artístico entre ambos autores, ao que contribuíu de forma especial o cadro «A illa dos mortos», de Arnold Böcklin, e no que abundan as referencias pictóricas, xunto coa importancia da música no relato .

Ademais de cumprir coas medidas de protección sanitaria, será un encontro con aforo limitado, polo que cómpre inscribirse a través do enderezo de correo electrónico libreria@moitoconto.com. Canda o ilustrador, tamén participará a especialista en Literatura Infantil e Xuvenil María Xesús Fernández, para trazar as claves deste libro, cun pano convertido na metáfora visual da cegueira. O encontro completarase co acompañamento musical de Álex Fente .

O amor e os soños, mais tamén a vinganza e a crueldade, están presentes na historia, onde un rei lle encomenda ao protagonista un retrato da raíña. Acompañando a habilidade e a elegancia narrativa que caracterizan a escrita de DoCampo, as ilustracións de Cobas combinan o detallismo das arquitecturas coa sinxeleza doutras figuras inacabadas. No tratamento da luz, das texturas e nas homenaxes ao surrealismo, apréciase a influencia de artistas como François Gérard, Jacques-Louis David, Sandro Botticelli, Johannes Vermeer, Francisco de Goya, Luis Feito ou Yves Klein .

En vésperas do segundo cabodano do pasamento de Xabier P. DoCampo, a presentación de «O pintor cego» tamén é unha homenaxe ao seu legado intelectual como mestre, escritor, promotor de lectura e activista da cultura galega. A súa obra, traducida a varias linguas, foi recoñecida cos premios máis importantes, entre os que sobresaen o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 1995 e o Premio Gala do Libro 2018.

Este libro súmase aos máis de 200 títulos que conforman a traxectoria artística de Xosé Cobas dende finais dos anos 80, cando centrou o seu traballo na ilustración de libros infantís e xuvenís, a maioría deles asinados por DoCampo ao longo de máis de tres décadas de estreita colaboración cretiva. Por ese labor ten recibido tamén destados galardóns, como os premios Díaz Pardo, Neira Vilas e a selección na lista The White Ravens .