A campaña PALABRAS NO AR -no marco do programa de dinamización lingüística “Bocaberta”, da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta- chegou esta semana á provincia de Lugo, con actividades escolares programadas nos concellos de Quiroga e de Palas de Rei. Preto de 300 alumnos e alumnas, tanto dos Centros de Educación Infantil e Primaria como dos Institutos de Educación Secundaria de ambas localidades están participando nos obradoiros de escrita, de oralidade e de gráfica creativa. Na primeira sesión, os nenos e nenas do CEIP de Quiroga elaboraron adiviñas a partir de coñecidos refráns relacionados co monte. Tamén lembraron algunhas coplas tradicionais e, como despedida das actividades, cantaron a “Mazurca dos animais” que lles compuxo Alberto Barreiro.

 

En total, na provincia de Lugo programáronse 13 obradoiros: hoxe remata a segunda sesión das actividades que onte se estrearon na Biblioteca e mais no Telecentro de Quiroga; a primeira acolle os grupos de oralidade e de escrita, mentres que o segundo recibe aos rapaces e rapazas que, baixo a supervisión e dirección artística do ilustrador galego Pablo Otero, interveñen nos obradoiros de plástica creativa.

Mañá, xoves 13, PALABRAS NO AR trasládase ao municipio pertencente á bisbarra de Ulloa. A Casa da Cultura de Palas de Rei vai acoller, ata este venres, sete obradoiros de escrita, oralidade e gráfica, que pretenden fomentar que a xente nova se exprese en galego, que aprecie a lectura nesta lingua, que adquira sensibilidade estética e literaria, e que manexe ferramentas de comunicación que -como a radio ou Internet- contribúen á normalización lingüística.

Precisamente, o traballo que os escolares realizan en PALABRAS NO AR reflíctese na páxina www.palabrasnoar.org, onde diariamente se plasman fotografías dos obradoiros, audios coas voces dos nenos e nenas, xogos e adiviñas, os textos que elaboran a partir das propostas literarias que se lles presentan, debuxos e collages da súa autoría. Cunha escolma do material que se produce nestas actividades vanse elaborar programas de radio que se emitirán, en semanas sucesivas, nas emisoras municipais de Quiroga e de Palas de Rei, e que tamén van estar dispoñibles na web de PALABRAS NO AR para seren compartidos pola comunidade escolar, no contorno familiar e entre os internautas en xeral.

As actividades nas que participan os escolares están deseñadas seguindo estratexias lúdicas. Utilízanse como ferramentas de traballo os elementos que -como as coplas, o refraneiro ou a toponimia- pertencen á tradición oral e á memoria colectiva. As sesións de escrita apóianse fundamentalmente nos contidos de libros como a “Gramática da fantasía” do pedagogo Gianni Rodari ou “Imaxina animais”, de Xosé Ballesteros e Juan Vidaurre, a partir dos cales os escolares exercitan a imaxinación e constrúen as súas propias historias. No caso dos obradoiros de gráfica creativa, Pablo Otero proponlles un exercicio que mestura o significado das palabras coa imaxe persoal; o resultado son fotografías personalizadas polos propios protagonistas, que reflexionan así sobre a linguaxe e a identidade.

PALABRAS NO AR comezou a súa itinerancia por diversas localidades galegas o pasado mes de outubro. Tras inaugurarse en As Pontes e continuar en Arzúa e Cerceda, o itinerario en 2011 comeza en Quiroga e Palas de Rei. O resto das etapas celebraranse en Caldas de Reis a finais deste mes de xaneiro, en Ponteareas no mes de febreiro e, finalmente, en Arteixo no mes de marzo.

E próximamente, as emisión radiofónicas de  PALABRAS NO AR na Emisora Municipal de Cerceda: do luns 17 ao venres 21 de xaneiro, a partir das 18:30 horas, no 107.4 da FM.