"Ilustrar a música", conJoão Vaz de Carvalho e José Antonio Abad.

O ilustrador portugués João Vaz de Carvalho será o protagonista da charla titulada “Ilustrar a música”, que se celebrará este xoves día 10 ás 18:30 horas na Galería Sargadelos de Santiago. Con esta actividade comeza a XIV Campaña de Animación á Lectura, co lema “…Outro conto, mamá”, que se prolongará ata o 31 de maio cun amplo programa de actividades para escolares, docentes e público en xeral. Nesta sesión formativa tamén participará o especialista en didáctica da música José Antonio Abad, autor dos álbums “As catro estacións” e “O carnaval dos animais”, este último ilustrado por João Vaz de Carvalho.

João Vaz de Carvalho estudou pintura no taller de Vasco Berardo, en Coimbra. Como ilustrador, outras obras súas son o libro-cd-dvd “Na punta do pé”, do grupo Pesdelán, e “28 historias para rir”, con relatos de Ursula Wölfel. Foi premiado na Bienal Internacional de Ilustración Infantil de Barreiro.

Ademais, autores e ilustradores de todo o mundo están pendentes esta semana do fallo do xurado do VII Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado, que se coñecerá este venres 11. Na edición de 2013 foi elixida a obra titulada “Mamá”, da arxentina Mariana Ruiz Johnson. O título e a proposta plástica deste libro -editado por KALANDRAKA en sete linguas- centran a imaxe da campaña.

XIV Campaña de Animación á Lectura de Santiago (ilustración de Maria Ruiz Johnson).

Trala paréntese da Semana Santa, o vindeiro 22 de abril comezarán as sesións de contacontos e música para escolares de Educación Infantil e 1º ciclo de Primaria, en horarios de 10:00, 11:00 e 12:00 horas na Galería Sargadelos. Estas actividades de animación á lectura complétanse con visitas guiadas á exposición de ilustracións e de elementos artísticos relacionados cos libros que forman parte do repertorio literario e narrativo.

Presentación da XIII Campaña de Animación á Lectura "Unha bandada de contos" ao profesorado de Santiago.

O alumnado de 2º e 3º ciclo Educación Primaria participará, respectivamente, en obradoiros de ilustración co artista plástico galego Pablo Otero e nos talleres de escrita creativa “Historias para rir”, impartidos por Alberto Barreiro ‘Warren’. A maiores, entre o 2 e o 6 de maio, o equipo de animación á lectura de KALANDRAKA visitará as escolas infantís de Conxo, As Fontiñas, San Roque, Polígono do Tambre, Trasparlamento e Salgueiriños para realizar actividades específicas para pre-lectores.

O artista plástico Pablo Otero imparte o obradoiro de ilustración.

Alberto Barreiro imparte o obradoiro de escrita creativa.

As sesións dirixidas aos centros de ensino completaranse cunha presentación da programación ao profesorado, o 22 de abril ás 18:30 horas. Os docentes participarán na sesión de contacontos á que asisten os propios escolares, percorrerán as salas nas que se atopa a mostra artística e recibirán orientación específica sobre as claves desta XIV Campaña de Animación á Lectura dende o punto de vista educativo e práctico para continuar nas aulas as propostas de traballo e aprendizaxe.

Presentación da XIII Campaña de Animación á Lectura "Unha bandada de contos" ao profesorado de Santiago.

ACTIVIDADES ABERTAS AO PÚBLICO

Ademais das sesións concertadas cos centros de ensino, a XIV Campaña de Animación á Lectura tamén se abre á participación da cidadanía, tanto no que respecta á visita da exposición de ilustracións instalada na Galería Sargadelos, como á asistencia -de balde- a sesións de contacontos para público familiar.

A primera, dirixida a bebés de 0 a 3 anos, programouse para o 10 de maio en dúas quendas: 11:30 e 12:30 horas, previa inscrición. Consistirá nun selecto repertorio de contos, cantos, rimas e ditos tradicionais arredor dos títulos que compoñen a colección “Do berce a lúa”, publicada por KALANDRAKA.

Sesión especial de contos para bebés, con Sandra Senra e Bea Campos.

Seguiralle unha sesión co lema “Todos os nenos soñan: nanas do mundo”, o vindeiro 24 de maio ás 12:30 e ás 13:00 horas. Nesta actividade farase unha lectura dramatizada do álbum ilustrado “Mamá”, de Mariana Ruiz Johnson, co acompañamento especial dun grupo de música tradicional da Escola Municipal de Música de Santiago, que interpretará una selección de arrolos típicos doutros países.

Finalmente, a XIV Campaña de Animación á Lectura vaise clausurar o 31 de maio ás 12:00 horas coa actuación do artista Paco Nogueiras, que presentará -cun concerto aberto ao público- o seu primeiro traballo discográfico para nenos e nenas: “Brica vai!” é un libro-cd-dvd que publicará proximamente KALANDRAKA.