A CAMPAÑA MUNICIPAL DE ANIMACIÓN Á LECTURA CUMPRE 18 ANOS FOMENTANDO A LITERATURA E AS ARTES PARA O PÚBLICO ESCOLAR E FAMILIAR 

O Departamento de Educación e Cidadanía e Kalandraka convocan o XI Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados 

A XVIII Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago, organizada polo Departamento de Educación e Cidadanía e por KALANDRAKA, comeza hoxe coa presentación ao profesorado do programa no que van participar milleiros de escolares entre o 3 de abril e o 5 de maio: sesións de contacontos para Educación Infantil e 1º e 2º ciclo de Primaria, con visitas guiadas á exposición de ilustracións e instalacións artísticas; obradoiros de ilustración e de escrita creativa para 2º e 3º ciclo de Primaria; actividades na rede de Escolas Infantís Municipais de Conxo, As Fontiñas, Polígono do Tambre, Salgueiriños, San Roque e Trasparlamento; sesións de contos para bebés, e contos e música para as familias.

Durante este tempo, a Galería Sargadelos será un pequeno museo onde se poderá admirar o traballo de estampación de Rocío Alejandro para “A horta de Simón”, título do álbum ilustrado co que gañou o X Premio Internacional Compostela e do que toma o seu lema esta XVIII Campaña. Canda esta obra, o público tamén poderá coñecer outras mostras da diversidade de estilos e técnicas artísticas: o acrílico no caso das imaxes do libro “Animais de compañía”, de Óscar Villán; o collage para elaborar as ilustracións de “Quen falta?”, de Arianna Papini; a acuarela, presente nas páxinas de “Un máis”, ilustrado por Marc Taeger, que plasmou nun mural o bosque no que se ambienta esta historia; ou a videocreación, a través da curtametraxe dirixida por José Miguel Sagüillo para o libro-disco “Radio Bulebule”.

Como cada ano, a Campaña de Animación á Lectura ábrese á participación das familias: haberá dúas sesións especiais de contacontos para bebés de 0 a 3 anos o sábado 21 de abril ás 11:30 e ás 12:30 horas, con asistencia previa inscrición no Departamento de Educación do Concello.

O peche da Campaña “A horta de Simón” tamén será unha celebración aberta ao público, o sábado 5 de maio ás 12:00 horas, na que non faltarán os contos, amenizados coa colaboración do alumnado da Escola Municipal de Música.

XI PREMIO COMPOSTELA

No marco da XVIII Campaña Municipal de Animación á Lectura, o Departamento de Educación e Cidadanía e KALANDRAKA veñen de convocar o XI Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, cuxo prazo de envío de traballos rematará o 14 de maio. Está aberto á participación de autores e ilustradores de todo o mundo que presenten obras orixinais e inéditas escritas en calquera lingua oficial da Península. O fallo do xurado coñecerase na última quincena de xuño e o premio consistirá na publicación do traballo distinguido nas cinco linguas peninsulares, ademais de 9.000 euros como adianto polos dereitos de autor.

Ao longo das dez edicións precedentes a cantidade de traballos presentados supera os 3.000 proxectos, procedentes de numerosos países. “Cerca”, “Un gran soño”, “A familia C”, “A viaxe de Olaf”, “Bandada”, “Mamá”, “Ícaro”, “Despois da chuvia”, “Unha última carta” e “A horta de Simón” foron as obras premiadas polo xurado, do que teñen formado parte figuras tan destacadas da Literatura Infantil e Xuvenil como os premios nacionais Xabier Docampo, Fina Casalderrey, Miguel Calatayud e Emilio Urberuaga, editoras como Esther Tusquets e Felicidad Orquín, ou artistas como Roberto Innocenti, entre outros.

A Campaña Municipal de Animación á Lectura do Concello de Santiago persegue achegar a lectura, a ilustración e a escritura aos nenos e nenas, nun marco agradable e motivador que favoreza a escoita, ademais de poñer en valor as creacións plásticas, literarias e musicais, favorecendo que o público infantil desenvolva unha conciencia crítica e selectiva das súas lecturas. Tampouco se descoida a importancia da tradición oral como vehículo de transmisión do patrimonio cultural inmaterial galego.