O artista plástico Pablo Otero (Ourense, 1970) visitou a libraría Libros para Soñar-A Coruña para presentar a edición especial de “Contos por teléfono” que acaba de publicar KALANDRAKA, cos textos maxistrais do mestre e pedagogo italiano Gianni Rodari. As súas ilustracións elevan á enésima potencia o carácter surrealista, imaxinativo e insólito das historias. Pablo Otero interpretou os relatos con imaxes dun alto contido simbólico, que lles achegan valor engadido con audacia e imaxinación, xogando coas cores.

O ilustrador guiounos polos cadros orixinais que están expostos ata finais deste mes de outubro en Libros para Soñar-A Coruña, comparando os lenzos coa edición impresa, debullando as intrahistorias secretas de cada imaxe. E a súa portentosa creatividade tamén nos deleita a cotío, grazas á espectacular e marabillosa composición que loce no escaparate da libraría, inspirada na portada do libro: un teléfono xigante de tea, unha escaleira que nos transporta ao mundo onírico e máxico e Rodari, pedras de cores que iluminan o noso camiño, letras para xogar coas palabras... 

 

"...A chuvia durou pouco, pero deixou as rúas cubertas por unha alfombra de caramelos de sabores que estralaban baixo os pés. Os rapaces, ao volveren da escola, aínda puideron encher as mochilas con eles. As vellas fixeran uns sacos xuntando os panos da cabeza. Foi un gran día. Aínda hoxe moita xente agarda que do ceo chovan caramelos, pero aquela nube non volveu pasar nin por Piombino nin por Turín, e quizais non pase nin sequera por Cremona".

Do relato "A famosa chuvia de Piombino", de Gianni Rodari. Edición especial de KALANDRAKA (outubro, 2011) ilustrada por Pablo Otero.

 

O número 64 da Avenida de Fisterra desprende colorido, orixinalidade e bo gusto. A ninguén lle pasa desapercibido esta chamativa intervención artística de Pablo Otero no escaparate de Libros para Soñar-A Coruña. Para a pena facer un alto no camiño para deterse a analizar cada detalle: a curvatura do teléfono de tea, as cores que salfiren os chanzos da escaleira, a combinación dos cantos rodados, as letras estratexicamente situadas no conxunto...

Ata finais deste mes de outubro, Libros para Soñar-A Coruña acolle a exposición das ilustracións orixinais de “Contos por teléfono”, de Pablo Otero. A mostra pódese visitar en horario comercial. Cómpre destacar tamén as pinturas murais que decoran a libraría, obra do propio artista.