A entrega dos Premios Amig@s de Pontevedra 2019 foi un acto alegre e compartido non só co equipo de KALANDRAKA, senón tamén con profesionais que veñen contribuíndo a facer realidade cada día o lema da editorial, Libros para soñar: autores e autoras, imprenta, distribución, asesoramento, libreiros, mediadores... Grazas por sumar nunha traxectoria que dura xa 21 anos e por seguir alentando a ilusión. Grazas ao colectivo Amig@s de Pontevedra e ao seu representante, o xornalista Xabier Fortes, por esta xenerosa semblanza.

Poucas circunstancias marcaron máis a fisionomía social e urbanística de Pontevedra nos últimos cincocentos anos que a súa designación como capital de provincia no primeiro terzo do século pasado. A capitalidade, en dura pugna con Vigo, conflito bélico incluído, supuxo a construción de boa parte da Pontevedra administrativa que hoxe coñecemos. Deputación, Audiencia Provincial, Goberno Civil, Concello... Entre esas iniciativas hai que enmarcar a chegada da primeira imprenta para publicar o Boletin Provincial, da que se encargou un impresor chegado de Compostela e chamado José María Villa.

Nesa labor collería relevo a familia Landín, pontevedresa coma poucas, que a finais do XIX imprimía na nosa cidade a primeira obra dun dos grades autores en lingua castelá, Ramón María del Valle-Inclán; Femeninas, seis historias de amor cargadas a medias do xa decadente romanticismo e do nacente modernismo. Na historia da literatura española -e polo tanto, universal- merece ser destacada esa data, 1895, na que en Pontevedra alumeaba un dos xenios das letras hispanas.

A mediados do XX, en plena posguerra incivil, e a pesar do perigoso que daquela era publicar ou ler segundo que cousas, outra editorial pontevedresa, a do inigualable Sabino Torres, faría posible a publicación dos primeiros poemarios en galego dun entón descoñecido Celso Emilio Ferreiro. Como tiñan que burlar a censura puxéronlle o nome a colección de Benito Soto, o pirata da Moureira, por canto se trataba evidentemente dunha edición medio pirata.

Dende finais desa centuria outra editorial, xa sen problemas de censura, mantén aceso o faro da tradición cultural, literaria e editorial en Pontevedra. Falamos de Kalandraka, fundada en 1998 cando se celebraba o Día do Libro Infantil e, na actualidade, unha referencia no álbum ilustrado en galego, en castelán e noutras linguas do Estado. Por iso conta co apoio de docentes, libreiros e da crítica especializada, un labor recoñecido recentemente coa Premio Nacional á mellor editorial de España.

No seu catálogo atopamos tamén álbums de creación propia con títulos avalados co Premio Nacional de Edición e de Ilustración, e o impagable traballo de rescate de clásicos infantís descatalogados dende hai moito tempo, e que deste xeito volveron os andeis de librarías en Galicia e en todo o Estado cando xa se consideraban perdidos e esquecidos.

Kalandraka edita cada ano uns 400.000 exemplares que levan o selo de Pontevedra por Galicia e por España adiante. Como di o seu director, Xosé Ballesteros, é dalgún xeito unha «embaixada cultural» da nosa cidade en feiras nacionais e internacionais do libro. Elaborar un libro en papel é unha mostra de amor e cariño, máis aínda cos nosos nenos e neste contexto de competencia das plataformas dixitais que reducen ao mínimo o seu tempo de lectura e, polo tanto, de formación humana e crítica. Se ademais boa parte desas publicacións fanse en galego, atopámonos diante dun labor titánico ao que, como di Ballesteros, non axudan as políticas das Administracións.

Ler e un dos maiores praceres da nosa vida. Ensinar a un neno a mergullarse no mundo dos cantos e da literatura, a reflexionar, a viaxar coa imaxinación a outros mundos sen fisicamente saír da súa vila, é a mellor forma de formar cidadáns libres e boas persoas. Podemos dicir, pois, que neste mundo tan duro e difícil que nos tocou, o labor de Kalandraka, como o de todas as editoriais ameazadas por esta era dixital, invita a ser, neste senso, algo máis optimistas sobre o futuro do xénero humano. Para Pontevedra debe ser motivo de orgullo contar coa súa presenza editorial entre nós e por iso quere distinguir a Kalandraka co cadro de honra de “Amigos de Pontevedra”, que lle fai entrega a Xosé Ballesteros o noso alcalde, Don Miguel Fernández Lores.