As cidades da Coruña e Vigo encheranse de arquitectos, urbanistas e obreiros durante a primeira quincena deste mes de xullo. Son os participantes no obradoiro de verán “Supercidades” que impartirá o ilustrador Pablo Otero nas librarías LIBROS PARA SOÑAR: na Coruña do 2 ao 6, e en Vigo do 9 ao 13 de xullo, en horario de 10:00 a 13:30 horas. A actividade está dirixida a nenos e nenas de 6 a 12 anos, que traballarán no deseño e na produción dunha cidade en miniatura, tal e como lles gustaría que fose a poboación na que viven.

A partir dunha proposta baseada no libro "A cociña de Toto Murube", ilustrado por Pablo Otero, os rapaces elaboraron as súas propias receitas, empregando materiais reciclados e pinturas.

A proposta trata de desenvolver a imaxinación e a creatividade dos rapaces durante o tempo de lecer, polo que do resultado do traballo do grupo poden xurdir cidades máis aló do real: submarinas, comestibles, galácticas... Para elo utilizarán materiais reciclados que poderán modelar e pintar ao seu gusto para, entre todos, elaborar unha maqueta que lucirá nun lugar destacado da libraría ao remate do obradoiro.

A medida que a cidade vaia medrando coa incorporación de novas construccións e elementos, farase un seguemento do obradoiro a través dun blog, para que os participantes poidan compartir cos familiares e amigos a súa contribución a este enxeñoso proxecto.

Nos obradoiros de plástica que imparte Pablo Otero é moi importante que os participantes lle dean renda solta á súa creatividade. O resultado son traballos que rebordan orixinalidade e frescura.

Ademais de desenvolver unha actividade manual e de destreza plástica, a participación nesta proposta leva acompañada unha reflexión sobre o espazo vital no que reside a población infantil, para que poidan achegar a súa visión crítica como cidadáns e definir a relación emocional que teñen con respecto ás rúas, os parques ou os barrios aos que está asociada a súa vivencia cotiá.

Pablo Otero é un artista plástico dunha ampla traxectoria multidisciplinar. Ilustrador de libros infantís como “Contos por teléfono” (Premio Isaac Díaz Pardo-AGE 2011), “A cociña de Toto Murube”, “O príncipe das sombras” ou “ABC diario”, da colección ‘Alfabetos’ de KALANDRAKA. Tamén imparte obradoiros de creación para escolares.

[ Prezo da matrícula, 40 euros. Máis información: Libros para Soñar-Vigo, lps@kalandraka.com | Libros para Soñar-A Coruña, lpscoruna@kalandraka.com ]