A ilustradora catalá Carme Solé Vendrell estivo por primera vez Pontevedra con motivo da súa visita á editorial Kalandraka, onde ten varios libros publicados; o máis recente, neste mes de outubro, titúlase “Fab, o monstro amarelo”.

Na súa estancia en Galicia participou onte no ciclo Afinidades Electivas -impulsado pola Dirección Xeral do Libro e Fomento da Lectura- na libraría Libros para Soñar, na compaña do ilustrador galego Xosé Cobas.

Polo lema do encontro, “Dous mares, a luz de dúas olladas”, a influencia do mar e do clima nas súas respectivas obras foi, precisamente, un dos aspectos que abordaron nun coloquio no que repasaron as súas bibliografías, con recordos e anécdotas cheas de humor.

Tamén a infancia marcou a traxectoria de ambos os dous artistas.

"As nenas e os nenos son o mellor que hai. Os dereitos da infancia non só son a alimentación e a educación; cos teléfonos móbiles estáselles privando da imaxinación. Por iso quen ilustramos e traballamos coa infancia temos unha responsabilidade", afirmou Carme Solé, que falou da pegada que lle deixou a perda da súa nai na nenez, a súa paixón polo teatro -de onde procede a súa educación plástica- e o seu compromiso cos dereitos das nenas e dos nenos a través da campaña internacional Why? “Cando pinto a súa dor, tamén é a miña”, engadiu a autora, que entende “a vida como un servizo á sociedade”.

“A miña infancia foi fundamental para ser ilustrador”, coincidiu Xosé Cobas. “Eu comecei a ler alfabeticamente ao tempo que graficamente, nas latas da taberna do meu avó e nos anuncios dos xornais; foi unha escola de imaxe, de cultura visual”, lembrou sobre a influencia desa bagaxe na súa carreira, primeiro como pintor e posteriormente como ilustrador de literatura infantil e xuvenil da man do escritor Xabier P. Docampo: “Canto máis ilustraba, máis me gustaba, ata que o pintor foi quedando en nada”, precisou Cobas, por máis que nos seus libros sempre hai referencias á pintura, á escultura e á arquitectura.

O seu próximo traballo, que chegará ás librarías en novembro, é a edición ilustrada en galego da novela “Azucre”, de Bibiana Candia, na colección Kalandraka +.